O grupo municipal xa deu traslado á Concellería de Obras e Servizos das queixas veciñais polo estado de abandono no que se atopan as conexións en lugares como Telleiro, A Revolta ou Mourelos
Os nacionalistas denuncian o deterioro do firme, que pon en risco a condución de vehículos e o tránsito de peóns
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia o mal estado no que se atopan varios camiños e vías de titularidade municipal na parroquia de Noalla. Os concelleiros do grupo da oposición fanse eco das queixas formuladas por varios veciños e veciñas de lugares como A Revolta, Mourelos ou Telleiro e xa deron traslado da situación á Concellería de Obras e Servizos Municipais, para que o Goberno local tome medidas canto antes e acometa o seu acondicionamento no menor tempo posible.
O Bloque advirte que esta situación non é puntual e se estende durante varios quilómetros de camiños secundarios, que son moi utilizados pola veciñanza de Noalla ao longo de todo o ano. O mal estado do firme nestas vías, especialmente neses tres lugares anteriormente mencionados, fan que proliferen as fochancas e os socavóns. “Nalgúns casos estamos a falar de deficiencias importantes, que poñen en risco a condución e o tránsito por estas zonas”, sinalan os nacionalistas. Algúns destes camiños xa presentaban un estado de abandono evidente antes do inverno. As inclemencias meteorolóxicas rexistradas ao longo dos últimos meses non fixeron máis que afondar no problema, ante a falta de actuacións por parte do Concello de Sanxenxo. O BNG recorda que este tipo de deficiencias pódense subsanar e evitar cun mantemento regular, algo que que “por desgraza non sucede no rural do noso concello, que se atopa totalmente abandonado polo Goberno local. A política de cemento de Telmo Martín non inclúe a reparación de camiños; máis ben só se centra en obras e proxectos faraónicos e que, na meirande parte dos casos, non son de primeira necesidade”, critica o Bloque Nacionalista Galego.
Unha vez trasladada a petición ao Goberno local, o BNG estará moi pendente de que os arranxos demandados polos veciños e veciñas de Noalla se fagan realidade no menor tempo posible. “Non queremos que se repitan situacións como as rexistradas noutras parroquias como Vilalonga, onde o Concello non realizou nin unha soa mellora en máis de 20 anos e só actuaron cando desde o Bloque demos visibilidade ao problema”, recordan os responsables do grupo nacionalista.



