A fronte nacionalista denuncia que a Xunta aumentou dende 2019 nun 20% os cartos públicos mentres o hospital privado declara beneficios récord pese á fuga de pacientes
Montse Prado: “Se non hai nada que agochar, por que o PP se nega sistematicamente a que se coñeza onde van parar máis de 100 millóns de euros das galegas e galegos?”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe ao Goberno de Alfonso Rueda que deixe de ocultar o contrato millonario do Sergas co hospital Ribera Povisa de Vigo. A fronte nacionalista denuncia que a Xunta de Galiza aumentou dende 2019 nun 20% os cartos públicos destinados a este centro privado, que vén de declarar beneficios récord pese á fuga de 30.000 de pacientes adscritos no mesmo período.
A deputada do BNG, Montse Prado, volveu demandar este xoves, na Comisión 5ª do Parlamento galego, que a Xunta facilite toda a información sobre o actual contrato, que vence en abril de 2027. E advertiu de que esta “opacidade total” está a marcar tamén as negociacións para un novo acordo co hospital privado, propiedade da multinacional francesa Vivalto Santé.
“Se non hai nada que agochar, por que o PP se nega sistematicamente a que se coñeza onde van parar máis de 100 millóns de euros anuais das galegas e galegos?”, preguntou Prado. Insistiu por estes motivos na urxencia de realizar unha auditoría externa e independente, así como que o Consello de Contas fiscalice de oficio, o destino dos fondos públicos que representan máis do 80% das contas de explotación do centro privado.
Nese sentido, a deputada nacionalista cuestionou que, a pesar de reducir pacientes e baixar a calidade asistencial, Povisa veña de declarar beneficios o pasado ano por valor de 7,4 millóns de euros de beneficios, un 1.200% máis que no exercicio anterior. “Aquí perder doentes sae rendible, porque o negocio non depende de atender ben a xente: depende de que a Xunta asine o cheque”, afirmou.
Beneficio dos accionistas a costa dos pacientes
Denunciou a ese respecto que Povisa conta coas listas de espera máis elevadas de todo o sistema sanitario galego, cunhas ratios de persoal moi inferiores aos mínimos da rede pública e cunha elevada rotación de persoal, que padece sobrecarga e precariedade laboral. Alertou ademais de que se están a realizar operacións con cirurxiáns que chegan en avión pero non fan seguimento dos doentes e que faltan profesionais en especialidades como cardioloxía e dermatoloxía.
“Cando o que manda é o beneficio dos accionistas, sempre acaba pagando alguén: os doentes e as persoas que os coidan”, valorou Prado, que volveu interpelar tamén ao Goberno galego sobre a ausencia dun plan para atender ás case 8.000 persoas que solicitaron este ano o seu traslado dende Povisa ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Demandou ademais transparencia sobre outros pagos incluídos no contrato para reducir as listas de espera da pública, malia ser maiores no centro privado, e que se abra unha mesa de negociación coa representación sindical para escoitar as súas demandas.
Dende a fronte nacionalista reiteraron que “a solución de fondo” pasa por estudar a integración de Povisa na rede pública. Porén, mentres non se fai realidade esta medida, dende o BNG esixiron “luz e taquígrafos” para coñecer como se está a prestar a atención sanitaria en Povisa antes de asinar un novo contrato. “É evidente que os cartos públicos non están indo para unha mellor calidade asistencial”, concluíu.

