HomePontevedraO BNG esixe facer da vivenda a grande prioridade política de Vigo...

O BNG esixe facer da vivenda a grande prioridade política de Vigo en 2026 fronte á inacción de Concello, Xunta e Estado

- Anuncio -spot_img

Advirte de que Vigo xa é a cidade con alugueiros máis caros de Galiza mentres miles de familias non poden acceder a unha vivenda

A fronte nacionalista propón a creación dun Consello Municipal de Vivenda desde o que poñer en marcha unha enérxica política pública de vivenda

Xabier P. Igrexas: “Caballero presume de que Vigo somos a mellor cidade para vivir, pero o problema é cada vez son máis as persoas que non poden permitirse habitar a súa propia cidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou hoxe de que a grande prioridade política da cidade en 2026 ten que ser a vivenda, diante dunha situación que cualificou de emerxencia habitacional e que está a expulsar a milleiros de persoas da súa propia cidade.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, reclamou o despregamento “urxente e imprescindíbel” dunha enérxica política de vivenda pública, capaz de garantir “o primeiro dereito da cidadanía, que é o de poder habitar a súa propia cidade”.

Igrexas lembrou que o ano 2025 pechou cun incremento do 9% nos prezos dos alugueiros en Vigo, tres puntos por riba da media galega, convertendo a cidade na urbe cos alugueiros máis caros de Galiza (datos do portal inmobiliario Idealista). Segundo os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Vivenda e Solo, o prezo medio situábase xa en case 700 euros mensuais en novembro.

“Falamos dun incremento acumulado de case o 35% desde 2020 e do 50% nos últimos dez anos”, advertiu, sinalando como factor chave o fenómeno “ultraespeculativo” dos pisos turísticos, que pasaron de 400 a 2.400 en apenas catro anos. “Hoxe en Vigo hai máis de cinco pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro”, denunciou.

Miles de vivendas baleiras

Igrexas advertiu que nunha cidade con máis de 22.000 vivendas baleiras, acceder a unha vivenda é xa “un luxo imposíbel para a maioría social que representan as clases populares e traballadoras”. Polo que, advertiu, de que as administracións públicas “non poden continuar de brazos caídos”.

O portavoz nacionalista criticou duramente o desmantelamento da política pública de vivenda por parte da Xunta do PP, que provocou que en Vigo existan xa máis de 7.100 familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida, unha cifra que multiplica por máis de catro o número de vivendas previstas no Plan Parcial de Navia.

Igrexas denunciou tamén que o Goberno español continúa sen transferir a concellos e comunidades as vivendas e inmóbeis da SAREB, limitándose a programas piloto como Casa 47, que ofrecen “unhas poucas vivendas a prezos igualmente inaccesíbeis para a inmensa maioría”.

No ámbito local, cualificou a política de vivenda de Abel Caballero como un permanente “vuelva usted mañana”. “O único feito concreto foi asinar un convenio coa Universidade para crear un Observatorio que analice os prezos, mentres a anunciada Empresa Municipal de Vivenda nin sequera se constituíu e, cando o faga, contará apenas con 4,5 millóns de euros”, criticou.

A isto engadiu a negativa do Concello a solicitar a declaración de zona tensionada do mercado de vivenda, como xa fixeron cidades como A Coruña ou Santiago, mentres continúa “facendo caixa”, cobrando o 10% dos aproveitamentos urbanísticos ou subastando vivendas baleiras que poderían destinarse a uso social.

“Caballero presume de que Vigo é a mellor cidade para vivir, pero a realidade é que cada vez menos xente pode permitirse vivir nela”, afirmou Igrexas, lembrando que xa pasaron 19 anos desde que o alcalde prometeu construír 6.000 vivendas nos seus primeiros catro anos de mandato, “sen que a día de hoxe se construíse ningunha”.

Consello municipal de Vivenda

Diante desta situación, o BNG defende mobilizar todos os esforzos e todos os recursos para facer da vivenda a prioridade política na cidade. Con ese obxectivo, solicitarán a creación dun Consello Municipal de Vivenda, como espazo de participación, coordinación e control democrático. Este órgano permitiría implicar administracións, axentes sociais e colectivos afectados para analizar a realidade habitacional, deseñar e avalair políticas e formular propostas concretos, mellorando a transparencia, a planificación e a coordinación institucional.

“Garantir o dereito á vivenda é unha tarefa de cidade, non só dun Goberno, e por iso queremos que se conte con todas e todos nun grande esforzo común”, concluíu Igrexas, reclamando un modelo urbano máis xusto, sostíbel e habitábel para o conxunto da veciñanza.

Publicacións Relacionadas