Reclama unha auditoría sobre o uso dos 100 millóns de euros públicos no hospital privado, que declarou beneficios récord o ano pasado pese á perda de poboación adscrita e o empeoramento da asistencia sanitaria e das condicións laborais
Montse Prado: “O PP utiliza a sanidade pública como un caixeiro automático en beneficio dunha multinacional que fai negocio coa nosa saúde”
Xabier P. Igrexas: “Povisa é unha anomalía que converte en reféns a máis de 100.000 persoas da área sanitaria de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe á Xunta de Galiza “luz e taquígrafos” sobre o contrato do Sergas con Ribera Povisa antes de negociar un novo acordo, diante do vencemento do actual en abril de 2027. A fronte nacionalista insiste na urxencia dunha auditoría sobre o uso dos 100 millóns de euros públicos que recibe o hospital privado, que vén de declarar beneficios récord en 2025 pese á perda de poboación adscrita e o empeoramento da asistencia sanitaria e das condicións laborais.
Así o reclamaron este venres en rolda de prensa a deputada e voceira de Sanidade do BNG, Montse Prado, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, que reiteraron a demanda de absorber Povisa para que as 100.000 persoas adscritas da área reciben atención sanitaria na rede pública. “Non ten sentido seguir financiando con cartos públicos un negocio privado que medra canto peor atende á xente”, valorou Prado.
A deputada nacionalista considerou unha evidencia que Povisa se “enriquece a costa da nosa saúde” o feito de que o hospital privado declare beneficios de 7,4 millóns de euros o pasado ano, un 1.200% máis que no anterior exercicio, cando ten unha “continua fuga de doentes e profesionais”. A ese respecto, criticou que o Goberno de Rueda teña incrementado os recursos públicos a este centro nun 20% dende o ano 2019 malia que perdeu nese mesmo período 30.000 persoas adscritas na área sanitaria, delas 8.000 só no último ano.
Prado afirmou que este hospital privado, propiedade do grupo francés Vivalto Santé, engorda a súa conta de resultados a costa dunha listas de espera “interminábeis”, de utilizar profesionais que chegan en avión para operar a doentes que non coñecen e aos que non lle fan seguimento, de prescindir de especialistas en cardioloxía e dermatoloxía, e de contar con ratios de persoal moi por debaixo dos mínimos da pública.
Acusou nese sentido á Xunta de “utilizar a sanidade pública como un caixeiro automático” en beneficio desta multinacional, e denunciou a “opacidade” sobre os acordos do Sergas con este centro privado, negando o acceso dos grupos parlamentares a esta información, e alertou sobre os numerosos contratos menores “a dedo” a maiores do contrato. “É claro que o PP está do lado dos accionistas en lugar das galegas e galegos”, resumiu, lembrando que o 90% da cifra de negocio de Povisa provén destes fondos públicos.
Anomalía
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG sinalou a “anomalía” de manter o contrato con Povisa por converter “en reféns” a 100.000 persoas da área sanitaria, entre elas moitos miles de viguesas e vigueses, para “alimentar o lucro” dunha empresa privada en mans de capital estranxeiro. “A saúde convertida en materia prima para a especulación e o lucro de multinacionais”, censurou.
Igrexas asegurou que as recentes declaracións do conselleiro de Sanidade sobre o novo contrato “só provocan alarma” diante da “precariedade laboral e asistencial” no centro privado. Considerou que a única receita para poñer fin a “esta dinámica de privatización” pasa por incorporar Povisa na rede pública. “Sería un paso decisivo e imprescindíbel para reverter as nefastas políticas coas que o PP converteu a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”, afirmou, chamando a atender o “clamor unánime” das masivas mobilizacións sanitarias dos últimos anos en Vigo.
“As viguesas e vigueses non merecen seguir sendo castigadas cunha sanidade a dúas velocidades e convertida en fonte de negocio de empresas privadas”, remachou en referencia a Povisa onde, lembrou, traballou durante 30 anos cun posto de alta responsabilidade a actual presidenta e candidata do PP á Alcaldía de Vigo.

