Critica a “falla de planificación e de diálogo” do Goberno galego coa comunidade educativa
Brais Ruanova: “Non é de recibo que o alumnado de FP Básica sexa desprazado a un contedor no exterior, isto é segregación educativa e non inclusión”
Xabier P. Igrexas: “A Xunta pretende vender como unha ampliación da oferta educativa o que en realidade é unha solución improvisada”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe que a Xunta de Galiza rectifique a decisión de implantar un ciclo de Formación Profesional Básica de Electricidade e Electrónica no Instituto República Oriental de Uruguai (ROU) de Vigo. A fronte nacionalista critica a “falla de planificación” do Goberno galego e que se “impoña de forma unilateral” en contra do criterio da comunidade educativa do centro, que se manifestou este martes.
Así o denunciaron en declaracións enviadas aos medios o deputado do BNG Brais Ruanova e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, alertando da pretensión do Goberno de Rueda de implantar este ciclo nunha aula prefabricada no exterior do instituto, nunha decisión o que a propia comunidade educativa tachou de “educación de galpón”.
O Bloque vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para que se suspenda esta decisión no centro educativo do barrio de Teis, que até agora imparte cursos de Educación Secundaria e Bacharelato. “Apoiaremos sempre a ampliación da oferta de FP, pero con dignidade, con recursos e co consenso da comunidade educativa”, afirmou Ruanova, recollendo o lema das protestas no centro de “FP si, pero non así”.
O deputado nacionalista reclamou ademais que a Xunta facilite “información transparente” sobre os criterios para xustificar a implantación do ciclo de FP, así como o orzamento, o profesorado e o impacto no centro. “A día de hoxe, ninguén sabe nada”, advertiu, considerando que “non é de recibo” que o alumnado de FP Básica sexa desprazado a un contedor no exterior. “Isto é segregación educativa, non inclusión”, reprochou.
Decisións nos despachos
Na mesma liña, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, sinalou esta decisión como un “novo exemplo” da maneira de gobernar do PP, e acusou o Goberno galego de “tomar decisións nos despachos”, sen escoitar a comunidade educativa e sen garantir as condicións necesarias. “Non pode seguir castigando Vigo con improvisacións e precariedade, o ensino público da cidade necesita planificación, investimento e respecto pola comunidade educativa”, afirmou.
Igrexas defendeu que a FP Básica non pode ser tratada como unha “ensinanza de segunda”, e reclamou espazos adecuados e un proxecto educativo sólido para esta modalidade. “O que atopamos no IES ROU é todo o contrario: improvisación, falla de información e unha imposición unilateral”, lamentou, tachando de “recorte encuberto” esta decisión.
A ese respecto, o voceiro municipal nacionalista rexeitou que o Goberno de Rueda “pretenda vender” a implantación deste ciclo como unha ampliación da oferta educativa na cidade, e valorou como “especialmente grave” que se faga de costas ao profesorado e alumnado do centro educativo. “A Xunta primeiro decide e despois intenta xustificar”, afeou.

