HomePontevedraO BNG esixe que a Xunta recupere a liña de Primaria e...

O BNG esixe que a Xunta recupere a liña de Primaria e o docente recortados no CEIP Carrasqueira de Vigo

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista denuncia que a Consellaría de Educación incumpre a normativa ao fusionar dúas aulas nun único curso con 24 alumnas e alumnos

Alexandra Fernández: “Esta decisión demostra a nula vontade do Goberno galego de Rueda de camiñar cara a unha redución de rateos e no reforzo do ensino público”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe que a Xunta de Galiza recupere a liña de Primaria e o docente que recortou este curso no CEIP Carrasqueira de Vigo. A fronte nacionalista rexistrou iniciativas no Parlamento galego para demandar que se rectifique esta decisión que incumpre a normativa.

A deputada do BNG Alexandra Fernández criticou esta decisión por considerar que contradí os anuncios do Goberno galego de Rueda de avanzar na rebaixa das rateos educativas. “Esta decisión demostra a nula vontade da Xunta de camiñar no reforzo do ensino público”, valorou.

Así, a iniciativa nacionalista pide dar marcha atrás ao recorte aplicado pola Consellaría de Educación no colexio vigués, despois de que fusionase dúas liñas de 3º de Primaria con 11 alumnos e alumnas do pasado curso nunha soa aula de 4º de Primaria que conta con 23 estudantes no actual ano escolar, un deles con necesidades específicas de apoio educativo que aumenta a 24 o cómputo, segundo as normas fixadas pola Xunta.

Fernández advertiu que esta decisión supón o incumprimento de varias normas fixadas polo propio Goberno galego á hora de determinar o número de liñas e rateos de alumnado por aula. Entre elas, citou a deputada nacionalista, a resolución do 10 de xaneiro de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas no epígrafe 40.

“A Consellaría está a incumprir os seus propios compromisos”, remachou Fernández, quen urxiu a restitución inmediata das dúas liñas de 4º de Primaria no CEIP Carrasqueira así como a recuperación do docente suprimido por causa deste recorte de aulas.

Publicacións Relacionadas