Lembra que a piscina leva fechada desde hai 1.270 días e urxen a sinatura para que o ente provincial transfira o financiamento necesario para acometer as obras e reabrila
Xabier P. Igrexas: “Que unha foto, que o alcalde non quere e a vicepresidenta da Deputación esixe, sexa o atranco para asinar un convenio co que Vigo reciba 5 millóns de euros é un delirio irresponsábel”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixiu hoxe ao Goberno municipal de Vigo e á Deputación Provincial de Pontevedra que deixen de facer refén á cidade da súa “permanente pelexa partidista” e procedan a asinar “de inmediato” o convenio para a reforma integral da piscina municipal de Teis, que supón un investimento de 5 millóns de euros.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou de “indecente” que a sinatura do acordo estea bloqueada pola disputa “a conta dunha simple fotografía”. “Reducir a política a un álbum de selfies é lamentábel en xeral. Pero que unha foto —que o alcalde non quere e a vicepresidenta da Deputación esixe— sexa o atranco para asinar un convenio co que Vigo reciba 5 millóns de euros é un delirio irresponsábel”, denunciou.
Igrexas advertiu que PP e PSOE están xogando coas necesidades reais da cidade, e acusounos de utilizar os recursos públicos “ao servizo das súas tristes e infantís estratexias partidistas, xogando irresponsabelmente ao canto peor mellor”.
1270 días coa piscina pechada
O voceiro nacionalista lembrou que a piscina municipal de Teis leva 1.270 días pechada, o que está a provocar que arredor de 1.500 veciñas e veciños que eran usuarias habituais deste servizo se viran obrigadas a renunciar a el ou a desprazarse até as saturadas piscina das Travesas ou Valadares. “Falamos dun equipamento esencial para o barrio e para centos de persoas maiores, crianzas e entidades deportivas que dependen desta instalación”, subliñou.
Para Igrexas, o bloqueo do convenio entre Concello e Deputación “é un novo exemplo da irresponsabilidade coa que tanto PP como PSOE están a actuar en relación a Vigo”. “Non podemos tolerar que a cidade siga a ser o taboleiro no que uns e outros xogan as súas partidas partidistas, mentres os problemas reais da xente seguen sen solución”, afirmou.
“Asinen hoxe mesmo o convenio”
O portavoz do BNG reclamou que a sinatura do convenio se produza “hoxe mesmo”, poñendo fin a unha situación “esperpéntica e inxustificábel”. “A veciñanza de Teis e o conxunto das viguesas e dos vigueses non merecen que Concello e Deputación non avancen en subscribir un convenio que é esencial para garantir que dunha vez por todas se acometan as obras necesarias para reabrir a piscina”, apuntou.
Igrexas dirixiuse directamente ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e á vicepresidenta da Deputación, Luísa Sánchez, pedíndolles que “se deixen de discusións estúpidas”. “Se a presidenta do PP de Vigo necesita unha foto co alcalde, que imprima unha a tamaño natural e pose con ela. Pero baixo ningún concepto podemos aceptar que un investimento necesario para a cidade continúe paralizado”, ironizou.
O Bloque reitera que a prioridade debe ser atender ás necesidades da veciñanza e recuperar servizos públicos básicos, e non “alimentar unha guerra de egos entre dirixentes que antepoñen a súa imaxe persoal aos intereses de Vigo”.



