O BNG esixe que Renfe e Adif poñan fin ás incidencias diarias nos servizos ferroviarios de Vigo

Redacción
Lectura mínima de 3

A fronte nacionalista denuncia a insuficiencia de frecuencias, a falla de prazas en determinados horarios e a impuntualidade dos trens de Media Distancia e Rexionais

Xabier P. Igrexas: “Moverse en tren desde ou cara Vigo converteuse nunha proba de resistencia e de paciencia que a nosa veciñanza non ten por que soportar”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe que Renfe e Adif poñan fin ás incidencias diarias e melloren de forma inmediata os servizos ferroviarios de Vigo. O portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, denuncia de que as demoras constantes e os fallos no funcionamento dos últimos anos se veñen agravando nos pasados días após o peche provisional da estación de Guixar.

“Non son incidencias puntuais: é un maltrato estrutural por parte de Renfe e de Adif que están a estrangular a mobilidade da maior cidade do noso país e que evidencian a falta de atención e investimento nun servizo básico”, subliña Igrexas. Uns problemas que xeran “especial frustración e cabreo” entre a cidadanía que depende do tren para os seus desprazamentos diarios.

O portavoz municipal do BNG considera que a insuficiencia de frecuencias, a falla de prazas en determinados horarios e a impuntualidade “non poden seguir sendo o pan de cada día” para as persoas usuarias dos servizos ferroviarios de Media Distancia e Rexional. “Moverse en tren desde ou cara Vigo está a se converter nunha proba de resistencia e paciencia que a nosa veciñanza non ten por que soportar”, afirma.

Dende a fronte nacionalista lembran que a cidade é “un exemplo claro do déficit histórico que sofre Galiza” desde hai moitas décadas en materia de infraestruturas ferroviarias. Por este motivo, sumado ao actual contexto de emerxencia climática e co incremento das necesidades de mobilidade, cren “aínda máis inaceptábel” o deterioro do servizo. “O ferrocarril é a modalidade de transporte máis eficaz, eficiente e sustentábel”, defenden.

Melloras até o tren de cercanías

Igrexas reclama así solucións ás continuas incidencias dos actuais servizos mentres non se fai realidade a implantación do tren de cercanías na área de Vigo, na que se están a dar pasos para que sexa efectivo antes do remate da actual lexislatura, tal e como se comprometeu o Goberno español tras as demandas do BNG.

“As viguesas e vigueses merecemos máis e mellor tren”, remacha o voceiro municipal do Bloque, advertindo a Renfe e Adif que “xa non valen escusas nin xustificacións” para garantir uns servizos ferroviarios “dignos e fiábeis” para a principal área urbana e económica de Galiza.

Comparte este artigo