HomePontevedraO SalnésO BNG esixe que se axilice a retirada definitiva dos postes do...

O BNG esixe que se axilice a retirada definitiva dos postes do tendido eléctrico na estrada da Arnosa

- Anuncio -spot_img

Os nacionalistas preguntaron por esta cuestión no último Pleno ordinario, no que o alcalde, Telmo Martín, se limitou a mencionar cuestións burocráticas para xustificar que aínda non se completase esta actuación, moi demandada pola veciñanza de Vilalonga

Desde o Bloque advirten que a presenza destes elementos supón un perigo para a seguridade viaria de peóns e persoas que circulan en vehículos

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo lembra que a día de hoxe a
retirada dos postes da liña de alta tensión iniciada na estrada da Arnosa, na parroquia de Vilalonga, iniciada hai xa varios meses aínda non finalizou. O grupo da oposición entende que esta actuación debe concluír canto antes, xa que a situación actual na que se atopa a vía supón un risco para a seguridade viaria, tanto para viandantes como para as persoas que transiten pola zona nos seus vehículos.

Precisamente, o voceiro nacionalista, Fran Leiro, preguntou sobre esta cuestión ao alcalde Telmo Martín durante o Pleno ordinario do pasado luns. “O señor Martín limitouse a facer mención a temas burocráticos para explicar que aínda non se retirasen todos os postes”, sinalou o concelleiro do Bloque, que instou ao Goberno local a que busque as fórmulas axeitadas para axilizar a actuación coas institucións pertinentes.

Neste sentido, desde o BNG lembran que a mellora da estrada da Arnosa foi unha petición realizada polos nacionalistas e que se empezou a acometer despois de moitos anos de inacción por parte do Goberno do Partido Popular. “Precisamente, no que vai de ano o Concello acometeu melloras en camiños da parroquia de Vilalonga despois de que presentásemos unha moción plenaria con esa solicitude. Seguimos a marcar a folla de ruta do alcalde, que xa ten demostrado en varias ocasións que o rural de Sanxenxo non é unha prioridade para el”, denuncian os nacionalistas.

Precisamente, sobre a perigosidade da estrada da Arnosa referíronse varias persoas residentes nas reunións informativas que o BNG organizou durante a pasada primavera. Se ben é certo que xa se procedeu á retirada de varios postes, no tramo final da vía aínda quedan varios sen retirar, polo que desde o BNG instan ao alcalde a que tome medidas. “O alcalde afirma que Augas de Galicia ten que dar o permiso á empresa para facer esa actuación. Tendo en conta que na Xunta de Galicia goberna o seu partido, non entendemos que o señor Martín permita esa inacción”, conclúen.

Durante o último Pleno, o BNG tamén preguntou polo arranxo da pista que vai desde a igrexa de Vilalonga ata a capela de Gondar. Esta actuación continúa sen finalizar, despois de varios meses desde o seu inicio. “O alcalde asegurou que queren facer unha reforma máis grande da que estaba prevista, pero non especificou máis detalles, polo que seguiremos moi pendentes da situación dunha vía que tamén é moi utilizada pola veciñanza”, recordan os nacionalistas.

Publicacións Relacionadas