Afea que os Gobernos galego e local fagan prevalecer os “xogos partidistas” por riba do interese xeral, ameazando a continuidade da feira con maior retorno para a cidade
Chama a reforzar o papel do Ifevi cunha “aposta decidida” polo turismo MICE
Xabier P. Igrexas: “A disputa de testosterona política pola representación no padroado non pode poñer en xaque o crecemento dun recinto vital para a economía de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe que a Xunta de Galiza e o Concello garantan a ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para blindar a continuidade de Conxemar e reforzar o papel da cidade no turismo de feiros e congresos. O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, afea que ambos Gobernos fagan prevalecer os “xogos partidistas” por riba do interese xeral.
A fronte nacionalista lamentaron que esta “disputa de testosterona política”, a respecto de quen ten a representación máis grande no padroado do Ifevi, estea freando o desenvolvemento de Conxemar, ameazando incluso a súa continuidade en Vigo. “É dunha frivolidade insoportábel e dun nulo sentido da responsabilidade ver como Abel Caballero e Alfonso Rueda continúan a alimentar a súa lea permanente, en lugar de sentarse a cooperar”, cuestionou Igrexas.
O portavoz do BNG salientou unha nova edición récord que confirmou Conxemar como unha feira de referencia mundial e o evento co maior retorno económico para a cidade, con máis 250 millóns de euros. “Imos moi tarde para acometer unha actuación que suporía 20 millóns de euros máis para Vigo e a súa área”, advertiu, recollendo as demandas da propia organización sobre a necesidade e a urxencia desta ampliación.
Defendeu que o crecemento do recinto feiral debe ter tamén como obxectivo reforzar o seu papel como tractor económico de Vigo. Nese sentido, chamou a apostar de forma decidida polo turismo MICE, de feiras e congresos, en lugar do “modelo insustentábel e de escaso valor engadido de excursionismo de masas” no que outros insisten, en referencia ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Compromisos nos orzamentos
O Bloque volveu reclamar dos Gobernos galego e municipal que retomen a vía da cooperación e fagan efectivo o preacordo do pasado novembro para ampliar o padroado do Ifevi coa entrada da Zona Franca, como primeiro paso para poñer en marcha a ampliación do recinto. “É imprescindíbel pasar das boas palabras e das grandes declaracións, que sempre se fan ás portas de Conxemar, aos feitos”, esixiu Igrexas.
Con ese fin, dende a fronte nacionalista avanzaron que van demandar compromisos concretos no proxecto de orzamentos para 2026 da Xunta, do Concello e nos Orzamentos Xerais do Estado: tanto para acometer a ampliación do IFEVI como para desenvolver un “ambicioso” plan de modernización do recinto actual e a mellora dos accesos.
“O Ifevi ten que se converter non só na sede permanente de Conxemar, senón que debe ser un verdadeiro dinamizador da actividade económica e produtiva da maior cidade de Galiza e para facermos de Vigo a capital galega dos grandes eventos”, afirmou o portavoz nacionalista. Nesa liña, adiantou tamén iniciativas para “revitalizar” a Vigo Convention Bureau para que conte con máis medios para a captación de grandes feiras e congresos.