Lucía Santos lembra que “o BNG ven advertindo da inviabilidade do aparcadoiro no parque Eguren desde o ano 2022” e reafirma as alternativas que o BNG ven defendendo para afrontar de maneira integral o problema do aparcamento e da mobilidade en Marín, apostando por solucións viables, planificadas e baseadas en criterios técnicos
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reafirma a súa posición ante a confirmación do abandono definitivo do proxecto de aparcadoiro subterráneo no Parque Eguren, impulsado polo goberno municipal do Partido Popular (PP), unha decisión que, segundo a formación nacionalista, pon de manifesto a falta de planificación do executivo local e deixa sen resolver un dos principais problemas que afectan á veciñanza: a escaseza de aparcamento no centro urbano.
Amais, Lucía Santos esíxelle ao goberno do PP “que se poña a traballar na procura de solucións ao gravísimo problema de aparcamento que padece Marín, e que está a ter un efecto negativo sobre a actividade económica do concello, nomeadamente no comercio local”. E pídelle que “abandone a súa actitude prepotente e teña en conta as propostas que o BNG está a poñer enriba da mesa.”
Lucía Santos lembra que advertiu dende o inicio da inviabilidade do proxecto nas condicións nas que foi presentado, ao carecer dun estudo realista sobre a súa viabilidade técnica, económica e de interese empresarial. Esta preocupación foi trasladada xa no ano 2022 e reiterada ao longo de 2024 e 2025 tanto en intervencións institucionais como en actos públicos abertos á cidadanía, nos que se presentaron estudos e análises técnicas que confirmaban a inviabilidade do aparcadoiro subterráneo.
A pesar de contar con advertencias reiteradas e con información técnica suficiente para reconsiderar o proxecto, o goberno local do PP decidiu manter a súa aposta inicial sen abrir o debate nin explorar alternativas, unha decisión que acabou por confirmar un fracaso anunciado e unha perda de tempo e recursos públicos.
Fronte a este inmobilismo, o BNG avanzou na elaboración e presentación de propostas concretas e viables para abordar de xeito holístico os problemas de aparcamento e mobilidade da vila. Entre eles destacan a construción de aparcadoiros en altura, como unha alternativa máis funcional e economicamente asumible; o estudo para a posible ubicación dun aparcadoiro na rúa Dichosa; a dotación, tras un acordo cos propietarios do terreo, de parte do solar de Méndez Núñez como aparcadoiro provisional; a creación dun servizo municipal de transporte que mellore a conexión entre parroquias, casco urbano e Seixo; e a posta en marcha dunha Mesa de Mobilidade con representación cidadá e técnica.
Xunto a estas actuacións estruturais, a formación nacionalista propuxo tamén a ordenación e optimización dos aparcadoiros existentes, a regulación equilibrada da rotación de prazas, a identificación de novos espazos de estacionamento próximos aos puntos tractores e a promoción de itinerarios peonís seguros, sempre desde unha visión integral e sostible.
Segundo o BNG, estas propostas xa foron presentadas á veciñanza e levadas ao pleno municipal como parte dun estudo amplo que recolle alternativas que non chegaron a ser consideradas polo goberno do PP. A formación nacionalista defende avanzar con políticas públicas baseadas en estudos rigorosos, planificación, criterios técnicos e transparencia, e reclama a apertura inmediata dun espazo de diálogo real e construtivo sobre mobilidade e aparcamento.



