O BNG estará este xoves en Samieira para explicar o ‘taxazo da auga’

adminON
Lectura mínima de 3

O Bloque intensifica a súa campaña informativa sobre a subida do recibo cun encontro na antiga escola de Tarrío ás oito da tarde 

O BNG estará este xoves en Samieira para explicar o ‘taxazo da auga’ que quere aplicar o goberno de Ángel Moldes á veciñanza. O grupo municipal nacionalista ten fixado o encontro para as oito da tarde na antiga escola de Tarrío coa intención de que a veciñanza da zona acuda cos seus recibos para aclarar como afectará a cada familia da zona de maneira concreta a subida do prezo da auga. Segundo o Bloque moitos recibos chegarán incluso a duplicarse.

A voceira Marga Caldas asegura que o BNG puxo en marcha a campaña informativa porque a subida do recibo supón un incremento “brutal” con respecto ao que a cidadanía paga na actualidade, “mentres, sen embargo, o goberno de Moldes nega a maior, agocha os datos obxectivos e engana á cidadanía ao presumir de cara á galería que baixa impostos”.

Segundo asegura Caldas, a subida será “un atraco” que chegará a roldar os 100 euros por vivenda e recibo, xa que o pago incrementarase un 100% porque o consumo da auga pasará a cobrarse en dous conceptos: o de abastecemento e o de saneamento. Subliña a nacionalista que o Bloque está a favor de actualizar e mellorar o abastecemento, pero cun proxecto que non repercuta no peto das familias.

Coa intención de frear o ‘tarifazo’, e dado que nestes momentos o estudo económico do novo contrato da auga e a consecuente subida de prezos está en fase de exposición, o Bloque presentará alegacións propias cando se inicie a licitación. Tamén elaborará un impreso para permitir que a veciñanza manifeste a súa oposición de maneira sinxela e directa á subida, ademais de iniciar unha recollida de sinaturas que presentará ante o goberno local.

Ata o de agora, o BNG xa realizou encontros informativos en Portosanto e O Bao cunha grande receptividade por parte da veciñanza, que se amosou totalmente disconforme coa medida que Moldes quere aplicar para afrontar o custe do novo contrato da auga.

Comparte este artigo