A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Congreso en resposta á nova exclusión do barrio vigués do Plan de Acción contra o Ruído por parte do Ministerio de Transportes
Néstor Rego: “Leva 40 anos xerando un impacto moi grave, dividindo o barrio e sometendo miles de persoas a niveis de ruído incompatíbeis coa saúde”
Xabier P. Igrexas: “A resposta do alcalde Abel Caballero diante deste maltrato é axir de cómplice e consentidor do Goberno de PSOE e Sumar”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) exixe medidas urxentes do Goberno español para poñer fin á “tortura de ruído” provocada pola AP-9 ao seu paso por Teis. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Congreso para demandar a instalación de pantallas acústicas e a conversión en vía urbana do tramo da autoestrada desde Torres de Padín, en resposta á nova exclusión do barrio vigués do Plan estatal de Acción contra o Ruído até o ano 2029 por parte do Ministerio de Transportes.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, tachou de “inxusta e inxustíficábel” esta decisión porque, advertiu, vai prolongar máis tempo o “impacto moi grave” dos últimos case 40 anos en Teis: dividindo o barrio e sometendo miles de persoas a niveis de ruído incompatíbeis coa saúde e a convivencia. Reclamou por este motivo actuacións do Goberno de PSOE e Sumar diante das “reiteradas promesas incumpridas e dos anuncios que se repiten”.
Rego sinalou que un informe da propia concesionaria da autoestrada, Audasa, e os datos do Ministerio de Transportes recoñecen que este é o tramo de toda a autoestrada cos niveis máis elevados de contaminación acústica, cun intenso tráfico de entre 50.000 e 60.000 vehículos cada día. O problema afecta a máis de 13.000 persoas e a centros educativos que padecen ruídos prexudiciais para a saúde, segundo os límites fixados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), sen que se teñan adoptado medidas eficaces.
“Abel Caballero, cómplice e consentidor”
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusou os sucesivos Gobernos españois de aplicar unha política de “vuelva usted mañana”. Lembrou a ese respecto que o actual Executivo central prometera en 2018 a instalación de pantallas acústicas, sen que se teña avanzado dende ese momento.
Lamentou a ese respecto que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, actúe como “cómplice e consentidor” do Goberno de PSOE e Sumar diante do que cualificou como “maltrato” coa veciñanza de Teis. “Por que Caballero non fai uso da liña directa coa Moncloa da que tantas veces presume para esixir con firmeza que o Ministerio actúe?”, retrucou Igrexas.
Medidas do BNG
Dende a fronte nacionalista volven reclamar a conversión en vía urbana do tramo da AP-9 desde Torres de Padín até o centro urbano, para mellorar ademais o seu encaixe urbanístico, cuestionando a petición do alcalde de facelo apenas dende a rúa Bos Aires. Unha demanda que o Bloque leva anos a defender, atendendo unha longa reclamación da veciñanza de Teis. Como paso previo, urxen a instalacións de pantallas acústicas e a mellora dos pasos elevados da Xarxa e da Tropa, fundamentais para a mobilidade e a conexión do barrio, e que padecen unha total falla de mantemento.
Niveis de ruído prexudiciais
Os niveis de ruído rexistrados en Teis, teñen un impacto negativo na saúde, segundo as advertencias da OMS, en especial cando a exposición é continuada no tempo. Así, informe de Audasa revela que máis de 1.600 persoas e até 600 vivendas soportan ruídos superiores aos 65 decibelios. Outros 13.500 veciños e veciñas están expostas a contaminación acústica de entre 55 e 60 decibelios.
Uns datos que tamén constata o mapa estratéxico de ruído, elaborado polo Ministerio de Transportes e aprobado en febreiro de 2025, que recoñece que 7.394 persoas que residen, traballan ou son usuarias de centros situados a carón da autoestrada conviven con niveis de ruído superiores aos 55 decibelios. Nos ámbitos máis afectados –Coutadas, Boán e Robleda– están situadas instalacións públicas e centros educativos como o CEIP San Salvador, o IES de Teis ou o IES Rosais II.



