O Pleno do Concello da Estrada aprobou a moción presentada polo BNG para a defensa do patrimonio municipal, unha iniciativa impulsada pola preocupación real polo abandono que sofren bens de alto valor histórico e estrutural, como as pontes de Callobre e Paradela.
Para facer posible a aprobación, o BNG aceptou chegar a acordos cos grupos municipais, nun exercicio de responsabilidade que non pode servir de escusa ao goberno municipal para seguir adiando actuacións necesarias nin para manter o seu desprezo polos bens materiais do concello da Estrada —definidos reiteradamente polo concelleiro Alberto Blanco como “unhas pedras”— nin polos bens inmateriais de Galiza, como demostra a súa actitude de obstaculizar o uso do galego nas Cortes do Estado ou no Parlamento Europeo.
As pontes de Callobre e Paradela e Torre e o Pazo de Guimarei son exemplos claros dun abandono continuado que pon en risco o patrimonio da Estrada e a seguridade futura destas infraestruturas.
O BNG reafírmase como a forza política que defende con feitos o patrimonio da Estrada e será esixente e vixiante para que o aprobado no Pleno non quede, unha vez máis, en palabras baleiras.



