O Bloque Nacionalista Galego no Concello da Estrada ven de presentar reclamación administrativa contra o acordo plenario de aprobación inicial dos Orzamentos municipais para o exercicio 2026, adoptado o pasado 5 de febreiro, ao abeiro do disposto nos artigos 170.1.a), 170.2.a), 170.2.c), 29.3 e 165.4 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL).
A reclamación fundamenta a súa argumentación na análise do estado de ingresos e do anexo de investimentos do orzamento aprobado. En concreto, na partida 35100 do orzamento de ingresos figura consignada a cantidade de 108.900 euros en concepto de contribucións especiais destinadas ás obras de acometida de auga desde a rede xeral. Non obstante, no anexo de investimentos, estas obras aparecen orzamentadas por importe total de 121.000 euros e financiadas integramente mediante préstamo.
Esta configuración orzamentaria, segundo o BNG, evidencia que as contribucións especiais non están a destinarse ao financiamento da obra que xustifica a súa imposición, contravindo o disposto no artigo 29.3 do TRLRFL, que establece de maneira expresa que as cantidades recadadas por este concepto só poden aplicarse á obra ou servizo polo que foron esixidas.
A correcta adecuación á normativa obrigaría, segundo a reclamación presentada, a minorar o importe do préstamo previsto para financiar a obra na contía das contribucións especiais (108.900 euros), o que implicaría a correspondente redución no capítulo 9 do orzamento de ingresos (pasivos financeiros), pasando de 747.100 euros a 637.200 euros.
Esta modificación produciría un desequilibrio inicial nas contas municipais, circunstancia expresamente prohibida polo artigo 165.4 do TRLRFL, que impide a aprobación de orzamentos con déficit inicial.
Á vista do anterior, o Bloque Nacionalista Galego solicita a anulación do acordo de aprobación dos Orzamentos do Concello da Estrada para 2026 e a súa reformulación conforme ao principio de equilibrio orzamentario e ao destino legalmente vinculado das contribucións especiais.



