A primeira mesa informativa para a recollida de sinaturas estará dispoñible o domingo 18, de 12 a 14 horas na alameda Rosalía de Castro
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín anuncia o lanzamento dunha campaña de recolllida de sinaturas para instar ao goberno estatal ao cumprimento da proposta aprobada no Congreso, para a recuperación de espazos da Escola Naval Militar e Porto para uso público. Por primeira vez na historia, a política estatal recoñece que Marín ten dereito a recuperar o seu litoral.
A primeira mesa informativa para a recollida de sinaturas estará dispoñible este domingo 18 de xaneiro, de 12 a 14 horas na alameda Rosalía de Castro. Este evento permitirá á veciñanza apoiar unha proposta histórica para poder recuperar a franxa litoral da nosa vila.
A cesión de terreos xa está políticamente avalada, mais agora comeza o realmente importante, que Marín faga valer esa oportunidade. O apoio cidadán é o que pode marcar a diferencia entre un proxecto que avance, ou quede atrapado en informes, atrasos ou desinterese. Canto máis apoio transversal, máis fácil será facer realidade a recuperación do noso litoral.
Abrir Marín ao mar é unha iniciativa do BNG para recuperar os espazos do litoral que hoxe están pechados á cidadanía sen cumprir unha función pública real. Trátase de devolver á veciñanza parte dos máis de dous quilómetros de fronte marítima, para poder crear novos espazos públicos, verdes e accesibles, unha oportunidade para tranformar Marín nunha vila máis viva, sostible e con futuro.



