HomeO MorrazoMarínO BNG insta ao goberno do PP a atender as necesidades do...

O BNG insta ao goberno do PP a atender as necesidades do Centro Infantil “O Grupo”

- Anuncio -spot_img

Celia García: “É completamente inaceptable que nun centro educativo as crianzas non poidan dispoñer de intimidade para facer uso do baño”

O grupo municipal do BNG realizou unha visita á escola de educación infantil “O Grupo” para avaliar directamente o estado das instalacións e comprobar as deficiencias que veñen sendo denunciadas reiteradamente pola ANPA e a dirección do centro.

Entre os principais problemas detectados, salienta o mal estado das portas e fiestras da fachada principal, que non foron renovadas desde hai décadas. A madeira, moi deteriorada polo paso do tempo e os cambios de temperatura, presenta fendas e deformacións que dificultan o uso normal das entradas. Desde a formación nacionalista insisten na necesidade de substituír estes elementos por materiais que garantan o illamento térmico e acústico, como xa se fixo na parte traseira do edificio.

Outra das demandas sinaladas como “urxente e básica” é a colocación dunha porta no baño infantil, que actualmente carece de calquera sistema de peche. “É completamente inaceptable que nun centro educativo as crianzas non poidan dispoñer de intimidade para facer uso do baño”, advertiu a concelleira do BNG, Celia García Santomé.

O grupo tamén alerta sobre a presenza de humidades en varias aulas, onde o teito presenta zonas astilladas e pintura en mal estado, o que supón un risco para a salubridade do alumnado e require unha intervención inmediata.

Estas deficiencias foron trasladadas en repetidas ocasións por García Santomé á comisión de educación, presidida pola concelleira do PP Marián Sanmartín, sen que se produciran avances. “O máis grave é que non só se desatenden estas peticións, senón que mesmo se nega o evidente deterioro do centro”, denunciou García Santomé.

Na última comisión informativa, celebrada o pasado 4 de xuño, o BNG volveu reclamar a intervención urxente do Concello para atender unhas melloras que consideran imprescindibles. “Estamos a falar dunha escola que cobre todos os anos o cupo de prazas e que merece unhas instalacións dignas, seguras e en bo estado”, concluíu a edil nacionalista.

Publicacións Relacionadas