HomePontevedraO SalnésO BNG insta ao goberno local a que poña solución ao abandono...

O BNG insta ao goberno local a que poña solución ao abandono e ao estado de deterioro dos camiños públicos de Vilalonga

- Anuncio -spot_img

Os nacionalistas levaron a Pleno unha moción na que advirten da situación especialmente preocupante da pista de acceso ao IES de Vilalonga e o Camiño da Torre, nos que a falta de mantemento dificulta o tránsito e pon en risco aos peóns, especialmente a crianzas e persoas maiores

Desde o Bloque estarán vixiantes para que se cumpra o compromiso adquirido polo alcalde para rehabilitar estas zonas, nas que “non se actou durante décadas”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo presentou no Pleno ordinario deste mes de maio, celebrado o pasado luns, unha moción na que insta ao Goberno local do Partido Popular a tomar medidas para a rehabilitación dos camiños de titularidade municipal da parroquia de Vilalonga, varios dos cales se atopan na actualidade nun preocupante estado de deterioro, unha situación que dificulta o tránsito e supón un risco para os peóns, especialmente persoas maiores e crianzas.

O edil nacionalista Octavio González, veciño da localidade, foi o encargado de defender a devandita moción, na que se pon como exemplo desta preocupante situación o estado do Camiño da Torre, en Rouxique, e da pista de acceso ao IES Vilalonga, que vai desde a estrada PO-550, á altura do Froiz, coa estrada da Salgueira. Un tramo que resulta “fundamental para o transporte escolar”, ademais de ser o acceso á EDAR compartida entre Sanxenxo e Meaño. González advirte de que estes viais atópanse “nun estado lamentable”, froito da falta de mantemento e de melloras. “Non se realizou nin unha soa actuación durante décadas nestas pistas”, indicou, o que deriva na proliferación de fochancas e desprendementos, entre outros problemas. Todo isto provoca dificultades a peóns e condutores, especialmente na épocas de choiva, e que se agrava especialmente en casos nos que vehículos de servizos públicos teñen que acceder a estas zonas, como é o caso de ambulancias, dos autobuses de transporte escolar ou os vehículos que se utilizan para a recollida do lixo. “A infraestrutura viaira municipal é esencial para garantir a mobilidade, a seguridade e a calidade de vida da veciñanza, e require dun mantemento regular e eficaz”, salientan desde o BNG, que consideran insuficientes os pequenos arranxos que se realizan de cando en vez no firme.

O Bloque lembra que esta situación, lonxe de ser algo illado, é unha constante que se repite en varias parroquias, tal e como quedou patente nas reunións que o grupo da oposición mantivo en diferentes lugares do concello nas últimas semanas. “Precisamente, unha das queixas que nos trasladaron os veciños e veciñas é a falta de mantemento e de limpeza de camiños, o que é un síntoma máis do abandono e a falta de interese do señor Telmo Martín polo noso rural”, apuntan desde o Bloque.

Pendentes da promesa do alcalde

Maila que a moción foi rexeitada polo Partido Popular (como ocorre con todas as propostas que o BNG presentou nos diferentes Plenos celebrados ao longo dos últimos dous anos de mandato), o alcalde asegurou que se acometerá a mellora destes camiños. “Estaremos vixiantes para que o señor Telmo Martín cumpra con ese compromiso e que non se converta nunha nova mentira para saír do paso, porque se o BNG fai esta petición é precisamente para dar voz a unha demanda veciñal histórica”, apunta Octavio González.

Desde o BNG tamén destacan que o grupo da oposición segue a marcar a pauta na folla de ruta do Goberno local. “A pesar de que votan en contra de todas as nosas mocións, xa son varias as actuacións que o Partido Popular fai despois de que as esixa o BNG”. Este é o caso da reitrada dos postes da estrada da Arnosa, a dotación dunha Aula de Estudo en Portonovo ou de promover actuacións encamiñadas á mellora da contorna do CEIP A Florida, así como a ampliación do programa de conciliación en verán.

Publicacións Relacionadas