Celia García lembra que, malia dúas adendas ao convenio entre Augas de Galicia e o Concello, as obras do Lameira veñen sufrindo continuas demoras, con parcelas abertas e denuncias ante o Seprona por contaminación ambiental, e alerta tamén do risco de inundacións polo muro de Coirados
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que as obras ligadas á mellora da rede de saneamento no río Lameira, co proxecto iniciado no 2021 cun prazo de doce meses para a súa execución, levan xa máis dun ano de atrasos, con paralizacións e problemas sen resolver. A formación lembra que, malia aprobarse dúas adendas ao convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Marín — en decembro de 2023 e decembro de 2024—, coa última fixando a data de finalización para o 15 de marzo de 2025, os traballos seguen practicamente estancados, converténdose nun foco de malestar e inseguridade para a veciñanza.
A concelleira do BNG, Celia García Santomé, trasladou na pasada Comisión Informativa de Medio Ambiente a súa preocupación polo estado do proxecto e reclamou unha intervención inmediata do goberno municipal. “As parcelas da contorna do CEIPP Sequelo levan dous anos abertas, con muros sen pechar e denunciando ante o Servizo de Protección Ambiental (SEPRONA) por contaminación ambiental. A veciñanza non pode seguir soportando esta situación mentres a administración continúa inmóbil”, advertiu.
O BNG lembra que xa en marzo deste ano, coincidindo coa data inicialmente prevista de finalización, a conselleira do Partido Popular (PP) de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, recoñeceu publicamente os atrasos e comprometeuse a executar os peches das parcelas en canto mellorase a climatoloxía. “Pasaron cinco meses e nada mudou: os traballos seguen paralizados”, denunciou García Santomé.
A formación nacionalista tamén advertiu dun novo risco derivado da construción dun muro na zona de Coirados, que segundo a veciñanza pode dificultar o paso da auga en episodios de choiva intensa e provocar inundacións nas parcelas próximas ao río.
En definitiva, o BNG considera imprescindible que o Concello de Marín e Augas de Galicia actúen con maior dilixencia e coordinación para garantir o remate desta obra. A veciñanza leva demasiado tempo padecendo as consecuencias das demoras e merece unha solución inmediata que restitúa a normalidade e evite novos riscos para as parcelas da contorna do río Lameira.

