HomeO MorrazoMarínO BNG lamenta o voto en contra do PP a pedir á...

O BNG lamenta o voto en contra do PP a pedir á Xunta un Plan Integral para Castiñeiras

- Anuncio -spot_img

Lucía Santos Omil critica que o PP rexeitase a moción do BNG para impulsar un plan supramunicipal para Castiñeiras e advirte de que o chamado “Plan Director” da Deputación, limítase a actuacións puntuais que non garanten unha conservación real do espazo natural, polo que reclama que sexa a Xunta quen lidere un proxecto integral capaz de coordinar administracións e asegurar recursos para protexer o seu valor ambiental e patrimonial

O Bloque Nacionalista Galego  (BNG) lamenta que o goberno local do Partido Popular (PP) votase en contra da moción presentada no pasado pleno, celebrado o 12 de marzo, pola formación nacionalista para instar á Xunta de Galiza a liderar un plan supramunicipal de conservación, protección e posta en valor do espazo natural de Castiñeiras, un dos enclaves ambientais máis importantes do Morrazo.

Dende a formación nacionalista lembran que durante máis dunha década diferentes colectivos e comunidades de montes veñen reclamando actuacións básicas como o mantemento da lagoa, a mellora da sinalización, o coidado da masa forestal ou a posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente na zona, onde se atopan mámoas e petróglifos declarados Ben de Interese Cultural.

“A iniciativa presentada polo BNG non cuestiona nin resta valor ás actuacións que se viñeron realizando, nin tampouco aos proxectos sociais que se desenvolven no espazo, como o proxecto da Fundación Xoan XXIII, que consideran positivo”, manifestou Lucía Santos a portavoz municipal. Porén, sinala que o mantemento e a conservación de Castiñeiras non pode depender unicamente de actuacións illadas ou de iniciativas concretas, senón que precisan dun proxecto integral e dun compromiso firme da Xunta.

O BNG cuestiona ademais que o chamado “Plan Director” anunciado polo PP poida considerarse como tal, xa que polo momento limítase a actuacións de mantemento e asesoramento fitosanitario das árbores. Para a formación nacionalista, trátase dunha iniciativa positiva pero moi afastada do que debería ser unha planificación global para a conservación, protección e posta en valor de todo o espazo natural.

A organización nacionalista tamén aclara que a coordinación deste plan non pode recaer na Deputación de Pontevedra, como teñen suxerido tanto o PP como o PSOE. Castiñeiras é un espazo natural de carácter supramunicipal no que conflúen competencias ambientais, forestais e de patrimonio que corresponden á Xunta de Galiza, polo que consideran que debe ser a Xunta quen asuma o liderado dun plan global capaz de coordinar ás distintas administracións e entidades implicadas.

Para o BNG resulta incomprensible que o PP se opoña a unha proposta que busca sumar esforzos entre institucións e garantir os recursos necesarios para recuperar e protexer un dos espazos naturais máis emblemáticos do Morrazo.

Publicacións Relacionadas