HomePontevedraO SalnésO BNG lamenta que o Partido Popular aprobe un orzamento que "consolida...

O BNG lamenta que o Partido Popular aprobe un orzamento que “consolida unha deriba precarizante e privatizante” que penaliza á veciñanza de Sanxenxo

- Anuncio -spot_img

A partida de 2026 constata que “nin Telmo Martín nin o seu Goberno escoita aos veciños e veciñas”, cun investimento no rural que non chega nin ao 5% das inversións

O Bloque ten claro que este Orzamento “consolida a deriva de anos anteriores” e volve priorizar as infraestruturas, sen garantía de mantemento, e a política de formigón promovida polo alcalde

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo abstívose na votación do novo Orzamento municipal promovido polo Partido Popular, unha partida “precarizante e privatizante”, que “o único que fai é consolidar a deriva de anos anteriores”. Os nacionalistas incidiron, unha vez máis, nas carencias flagrantes que presentan as contas do Goberno local do PP, que se basean “en moito fume, promesas de infraestruturas e máis política de formigón, sen ter en conta moitas das necesidades dos veciños e veciñas do concello”.

O Bloque volveu deixar patente a falta de interese do alcalde, Telmo Martín, e do seu equipo polo rural de Sanxenxo. O investimento para actuacións nestas zonas non chega ni nao 5% do Orzamento. “O Partido Popular non escoita á veciñanza e iso a xente percíbeo. Temos o rural totalmente abandoado, con demandas históricas que seguen sen levarse a cabo. Agora, o PP quere aprobar uns orzamentos que só prometen infraestruturas, pero non servizos, e sen ter en conta, ademais, os custes económicos e recursos humanos que precisan esas infraestruturas unha vez estean en marcha”, afirma o BNG, que lembra que este ‘modus operandi’ é o habitual por parte de Telmo Martín e que se traduce en abandono de instalacións durante décadas, como é o caso do Centro de Interpretación da Telleira, sen uso máis de 20 anos despois da súa adquisición. Entre os proxectos que seguen sen ter resposta, figuran actuacións prometidas hai moitos anos, como o enlace entre o polígono de Nantes e Vilalonga ou a dotación dun servizo de transporte para facilitar os desprazamentos á xente maior do rural ata os núcleos. “Un servizo non se mide polo que custa, porque que sexa máis caro non quere dicir que vaia a ser mellor. Temos o exemplo do SAF, que agora custa máis, pero segue a atender o mesmo número de familias”, advirten desde o Bloque, que tamén cargan contra a supresión doutros servizos moi importantes, como as ludotecas ou a eliminación da oficina de Xuventude. “É incomprensible que nun Orzamento de 70 millóns de euros estas prestacións non teñan cabida”.

Despedida de Fran Leiro e de Tamara Castro

O Pleno ordinario deste luns tamén foi o da despedida dos concelleiros nacionalistas Fran Leiro e Tamara Castro. Ambos deixan as súas actas por motivos persoais e familiares. “Foi unha honra formar parte desta Corporación”, aseguraron, ao tempo que agradeceron o apoio brindado polos veciños e veciñas nas últimas eleccións, así como a atención de todo o persoal municipal e do resto das forzas políticas.

Publicacións Relacionadas