HomeO MorrazoMarínO BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local

O BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local

- Anuncio -spot_img

O BNG presentou unha campaña de apoio ao comercio local para fomentar o consumo de proximidade. Lucía Santos destacou a importancia de protexer o tecido comercial para crear emprego e dinamizar a vila, e criticou a falta de iniciativas do PP ante o peche progresivo de establecementos

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou este luns, 22 de decembro, unha campaña de apoio ao comercio local co obxectivo de incentivar o consumo de proximidade ante a situación crítica que atravesa o sector. A iniciativa busca tamén reivindicar a necesidade de apostar polo produto local como eixo fundamental para o desenvolvemento socioeconómico da vila.

Baixo o lema “Mellor Local, Mellor Galego”, a campaña, presentada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tivo tamén eco en Marín, onde a agrupación local realizou unha acción de proximidade para defender o sector. Neste contexto, a portavoz municipal, Lucía Santos, destacou o papel do comercio como “motor económico e social do concello”, subliñando que os negocios locais “dan vida ás rúas e garanten un modelo máis sostible”.

Santos lembrou que o comercio de proximidade contribúe de maneira significativa á creación de emprego, á dinamización da vida social e á xeración de riqueza para a veciñanza. Así mesmo, advertiu da complexa situación que atravesa o tecido comercial e animou á cidadanía a apoiar o comercio e a hostalaría local durante estas festas, apostando por un consumo de calidade baseado nos produtos de proximidade. “Cando mercamos nos negocios locais estamos mantendo viva a esencia do noso pobo e contribuíndo ao crecemento da comunidade”, sinalou.

Asemade, a portavoz nacionalista mostrouse crítica co goberno municipal do Partido Popular (PP) ao considerar “decepcionante” que, un ano máis, non se impulse ningunha campaña de apoio ao comercio local nunhas datas tan sinaladas como o Nadal. Santos advertiu tamén do peche progresivo de establecementos, que está a deixar as rúas da vila sen vida, e instou ao executivo local a dar exemplo mercando no comercio do pobo.

Por outra banda, a concelleira Davinia Lojo, trasladou ao pleno municipal do pasado 11 de decembro un rogo solicitando que en vindeiras ocasións se aposte por unha decoración de Nadal que teña en conta as zonas comerciais. Lojo explicou que a maior parte da iluminación está concentrada na alameda e na entrada ao concello, polo que considera necesario distribuíla en espazos estratéxicos para crear un ambiente acolledor, festivo e dinamizador que favoreza as compras no comercio local.

Desde a formación nacionalista salientan que apostar polo comercio local é defender o traballo autónomo, esencial para a economía galega e para o desenvolvemento da vila, evitando o peche de negocios que xeran actividade económica, cohesión social e emprego estable, e promovendo así un consumo de proximidade baseado no produto local e nunha economía máis xusta.

Publicacións Relacionadas