Home Pontevedra Barro O BNG leva ao Parlamento os polígonos eólicos Zudreiro e Anduriña, que...

O BNG leva ao Parlamento os polígonos eólicos Zudreiro e Anduriña, que afecta aos concellos de Moraña, Campo Lameiro, Barro e Pontevedra

- Anuncio -

O deputado nacionalista Luís Bará rexistrou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias nas que pide á Xunta que rexeite estes proxectos eólicos porque incorren nunha fragmentación fraudulenta e teñen fortes impactos no monte Acibal e na súa contorna.

O BNG demanda á Xunta que protexa os valores ambientais e culturais do Monte Acibal, e que garanta a conservación dos humidais, do patrimonio cultural, de hábitats e especies protexidas, da zona de campeo do cabalo do monte e da tradición da Rapa das Bestas. E que ademais inicie os trámites para a inclusión das Brañas da Amil e das turbeiras do Acibal no Rexistro de Zonas Húmidas de Galiza

O BNG rexistrou no día de hoxe, por medio do deputado Luís Bará, unha batería de iniciativas parlamentares en relación cos proxectos industriais eólicos Anduriña e Zudreiro, promovidos pola empresa Green Capital no monte Acibal e na súa contorna, con afección aos concellos de Moraña, Barro, Campo Lameiro e Pontevedra.

O polígono eólico Anduriña ten unha potencia de 41.4 MW, con 9 aeroxeradores de 4,6 MW e 200 m de altura, e unha poligonal que afecta aos concellos de Barro, Campo Lameiro, Moraña e Pontevedra.

O polígono eólico Zudreiro ten unha potencia de 23 MW, con 5 aeroxeradores de 4.6 MW de 200m de altura, e unha poligonal que afecta aos concellos de Moraña e Campo Lameiro. Segundo Bará, “Os dous proxectos están situados na mesma zona, un a continuación do outro, comparten subestación e liña de evacuación, polo que estamos diante dun caso claro de fragmentación irregular e fraudulenta”.
Engadiu que “Estes dous proxectos teñen tamén relación directa, en canto ás infraestruturas de evacuación e conexión á rede, con otros proxectos promovidos pola mesma empresa: Liña de Media Tensión Parque Eólico Zudreiro a Subestación Parque Eólico Anduriña, Liña de Alta Tensión Anduriña-SEC Parque Eólico Coto Aguado (Cerdedo-Cotobade), LAT de conexión de Coto Aguado coa Subestación de Tomeza. Todas estas infraestruturas terían un forte impacto no territorio e deberían ser tramitadas e avaliadas conxuntamente”.

Para o BNG, o polígono industrial eólico conformado polos proxectos Acibal (xa autorizado polo Consello da Xunta), Anduriña e Zudreiro non está debidamente xustificado en canto ao seu interese público e tería unha incidencia moi negativa nos seguintes ámbitos:
-Nos usos residenciais do territorio, pola incidencia negativa en núcleos de poboación da contorna, tanto na fase de construción como na de funcionamento.
-Na disponibilidade de recursos hídricos, pola incidencia das obras dos parques nas nacentes, cursos de auga e mananciais de abastecemento á poboación.
-En hábitats declarados de interese prioritario e interese comunitario, como as breixeiras, matogueiras e turbeiras do Monte Acibal, nomeadamente as Brañas da Amil.
-Na paisaxe, polo forte impacto visual e paisaxístico das numerosas infraestruturas previstas.
-No patrimonio cultural, pola presenza na zona de numerosos xacementos arqueolóxicos (mámoas e petroglifos principalmente) que se verían directamente afectados pola construción dos parques.
-Na zona de campeo do cabalo de monte, unha especie de alto interese ambiental e cultural, que cumpre unha función esencial na preservación de hábitats de interese como as breixeiras e brañas,e na prevención dos incendios. Estes hábitats veríanse fragmentados e alterados polas obras de construción dos proxectos.
-Nos valores culturais e na celebración da Rapa das Bestas da Amil, un ben cultural inmaterial que é preciso protexer e potenciar como sinal de identidade e atractivo turístico.
-Na celebración dos Milagres da Amil, unha festa relixiosa e popular de grande raigame e participación masiva.

Toda a contorna afectada pola construción dos polígonos eólicos e futuras actuacións (ampliacións, repotenciacións) vería fortemente limitado o seu valor, o seu atractivo e a súa potencialidade de usos e aproveitamentos sustentábeis.

Por estes motivos, o BNG presentou unha proposición non de lei e unha batería de preguntas parlamentares. Nestas iniciativas o grupo nacionalista pide ao goberno galego que

  1. Denegue a autorización dos proxectos eólicos Anduriña e Zudreiro promovidos pola empresa Green Capital no Monte Acibal por tratarse dun caso evidente de fragmentación irregular e fraudulenta de proxectos e polo seu forte impacto nos usos residenciais, nos valores culturais e turísticos, e nos recursos hídricos, culturais e ambientais da zona.
  2. Garanta a protección dos valores ambientais e culturais do Monte Acibal, nomeadamente a conservación dos humidais, do patrimonio cultural, de hábitats e especies protexidas, da zona de campeo do cabalo do monte e da tradición da Rapa das Bestas.
  3. Inicie os trámites para a inclusión das Brañas da Amil e das turbeiras do Acibal no Rexistro de Zonas Húmidas de Galiza, paralizando de forma cautelar e preventiva todos os proxectos
    que poidan afectar a estes ecosistemas de transcendental importancia para a conservación da biodiversidade e para a prevención do cambio climático.

Relacionadas

A Deputación inicia a incoación do expediente de honra a favor da doutora ourensá...

0
Marisa Crespo-Leiro (Cea, 1961), é un referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón. Licenciada en Medicina pola Universidade de...

O Concello lanza un novo sorteo de 100 tarxetas regalo de 50 euros por...

0
A campaña arrancará desenvolverase entre o 1 e o 30 de abril. Pódese participar a partir de 30 euros de compra, depositando os tickets...

Cinco estreas na XIV Semana de Teatro Amador

0
O Teatro Municipal acollerá do luns 1 ao venres 5 as novas montaxes dos grupos de teatro CAI, Chirlomirlo, Aloia, San Fins, e A...

59 días para a marcha cicloturista Sestelo-Clásica Álvaro Pino

0
O alcalde de Covelo e a organización da marcha reúnense para ultimar os preparativos A 59 días da celebración deste evento que recorre o Condado,...

Aprazado para o sábado 6 e domingo 7 o III Encontro de Viños da...

0
Mantéñense as actividades paralelas no edificio da praza da Inmaculada Debido á adversa previsión do tempo para  a fin de semana o III Encontro de...

Actividade de Fotografía e Natureza aprazada

0
A actividade de Fotografía e Natureza programada para o día 30 queda aprazada pola chuvia ata novo aviso.

Publicacións Relacionadas