O venres 28 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa da Veiguiña, Montse Fajardo presenta “A vida incerta”, un libro que rescata a figura de Virxinia Pereira, a muller de Castelao. Unha muller que fixo moito pola cultura galega e as ideas republicanas, e da que pouco coñecemos a súa importancia
O próximo venres 28 de marzo, o BNG organiza un acto público de presentación do libro A vida incerta, escrito por Montse Fajardo, na Casa da Veiguiña, ás 20:00 horas. A actividade está aberta ao público e forma parte do compromiso do BNG coa recuperación da memoria histórica e a visibilización do papel das mulleres na historia do País.
A vida incerta rescata a biografía de Virxinia Pereira Gómez, unha figura clave pero esquecida na historia galega. Muller de Castelao, pero tamén militante antifascista, galeguista e defensora da cultura e da lingua galega. Virxinia foi unha muller comprometida cunha causa que trascendeu a súa figura privada. A través dun rigoroso traballo de investigación, Montse Fajardo pon luz a unha vida marcada polo exilio, a loita política e a dignidade nun tempo de represión e esquecemento.
A autora estará presente no acto e abrirase un espazo de diálogo co público arredor do papel das mulleres na memoria colectiva, a invisibilización histórica e a necesidade de construír unha narrativa máis xusta e inclusiva.
Con este acto, o BNG quere seguir poñendo no centro o papel das mulleres na loita pola liberdade, pola cultura e pola xustiza social. Convidamos á veciñanza a participar neste encontro, que recupera unha historia imprescindible para entender a Galiza que somos e a que queremos ser.