O BNG organiza este venres unha charla informativa sobre a nova ordenanza de Vados

adminON
Lectura mínima de 4

O avogado Miguel Vieito Villar explicará no Edificio de Usos Múltiples de Vilalonga (20.30 horas) os detalles do documento que o Goberno de Telmo Martín leva ao Pleno do vindeiro luns

Os nacionalistas advirten de que o texto “é idéntico ao 99%” ao que o propio alcalde paralizou hai uns meses e acusan a Martín de “seguir co seu afán recadatorio, con cada vez máis impostos, máis taxas e soldos máis altos”

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo organiza este venres, 27 de setembro, a partires das 20.30 horas, unha charla informativa sobre a nova ordenanza reguladora de vados que o Goberno local do Partido Popular pretende aprobar inicialmente no Pleno ordinario no vindeiro luns. A través deste regulamento, lembran os nacionalistas, o alcalde Telmo Martín quere dispoñer dunha ferramenta que lexitime o cobro de taxa de vados a persoas que teñen entrada e saída de vehículos á vía pública nas súas vivendas, pero que nunca solicitaron un vado. “É unha manobra cun claro afán recadatorio, na liña do que nos tén afeitos o señor Martín no seu primeiro ano de mandato”, denuncia o voceiro do Bloque, Fran Leiro. Esta medida súmase ao incremento dos recibos en impostos como o IBI e o de Vehículo, aprobados tamén polo PP hai uns meses.
A charla estará impartida polo avogado e edil do BNG en Outeiro de Rei Miguel Vieito Varela. O obxectivo desta convocatoria é informar á veciñanza dos detalles da ordenanza e resolver todas as dúbidas que prantexen as persoas asistentes. O BNG recorda que Telmo Martín paralizou a tramitación desta ordenanza hai uns meses, logo do malestar que xurdiu entre a veciñanza polo seu intento de cobrar con

efecto retroactivo os vados a veciños e veciñas que non o tiñan solicitado, amparándose na normativa do ano 1999. Unha situación que foi denunciada publicamente polo Bloque. “Cando se paralizou a tramitación o señor Martín asegurou que o facían para mellorar o texto, pero agora nos atopamos cun documento que é idéntico ao 99% con respecto ao que pretendían aprobar hai uns meses”, asegura Fran Leiro. O voceiro nacionalista ten claro que o único obxectivo que perseguía o alcalde era “tratar de evitar a toda costa que esta tramitación lle pasase factura ao Partido Popular nas eleccións autónomicas de febreiro”.
Se ben durante a charla se abordarán os detalles da nova ordenanza con máis detalle, desde o BNG adiantan que “xa detectamos que este novo regulamento non se compaxina axeitadamente coa taxa anterior, que seguirá vixente. Moito nos tememos que ese só é o primeiro paso do señor Telmo Martín para dar pé a unha nova taxa reguladora”. Neste senso, Leiro lembra que foi a finais de 2023 cando o alcalde tentou cobrar vados, cun carácter retroactivo de ata catro anos, a veciños e veciñas que non solicitaron nunca este servizo, pero que deben atravesar a beirarrúa cos seus vehículos para acceder ou saír das súas propiedades.
A denuncia pública do Bloque, que xa daquela organizou con éxito charlas informativas sobre este asunto, sumado ao malestar provocado entre a veciñanza, provocou que o alcalde “recuase temporalmente, mais temos moi claro que, aínda que no seu día prometeu baixar impostos, Telmo Martín continuará buscando fórmulas para recadar dos petos das veciñas e veciños de Sanxenxo os cartos necesarios para facer fronte ás consecuencias económicas da súa nefasta política de cemento e formigón”.

Comparte este artigo