HomePontevedraA LamaO BNG organiza o sábado 4 en Fornelos unha marcha en defensa...

O BNG organiza o sábado 4 en Fornelos unha marcha en defensa do Suído e contra os parque eólicos proxectados na serra

- Anuncio -spot_img

O obxectivo da andaina é amosar o rexeitamento ao parque eólico Carballoso (situado en Fornelos, A Lama e Avión), que conta con informe favorábel do Ministerio de Transición Ecolóxica e que causaría unha desfeita ambiental nunha contorna de excepcional valor

Na mobilización participarán representantes nacionalistas dos concellos de Fornelos, A Lama e Covelo así como deputadxs no parlamento galego

O BNG organiza o vindeiro sábado 4 de marzo unha marcha en defensa do Suido que percorrerá a zona do concello de Fornelos afectada polo parque eólico Carballoso, anteriormente denominado Coto das Airas. As persoas participantes xuntaranse na contorna da igrexa da Laxe (Fornelos) ás 10.30 da mañá para desde este punto desprazarse en coches até a zona onde está proxectado o parque eólico Carballoso, que acaba de recibir o informe ambiental favorábel do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Con esta iniciativa, o BNG quere denunciar o atentado ecolóxico que suporía a construción deste parque nunha zona de grandes valores ambientais, con presenza de hábitats de turbeira incluidos no Inventario de Humidais de Galiza, hábitats que a Unión Europea declarou de interese prioritario e que deberían gozar da máxima protección.

Segundo consta no informe de afección ambiental, “O parque eólico e a liña subterránea poden afectar aos humidais Chan do Valdome, Xesteiro do Anxeo e Foxo do Lobo, todos eles turbeiras incluídas no Inventario de Humidais de Galiza. O humidal Chan do Valdohome está atravesado pola liña, o humidal Xesteiro do Anxeo sitúase perto dun vial de acceso a acondicionar e o humidal Foxo do Lobo verase atravesado pola liña subterránea e por un vial a acondicionar. Na zona de estudo detectouse unha poza temporal a uns 40 m da liña
subterránea”.
“Balizaranse e sinalizaranse as turbeiras altas pertencentes ao Inventario de humidais de Galiza (Chan do Valdohome, Xesteiro do Anxeo e Foxo do Lobo). De ser posíbel, evitarase o paso polas mesmas utilizando outros camiños existentes próximos que deberán ser acondicionados. De ser imprescindíbel atravesalas, a súa ocupación por acondicionamento de viais limitarase ao mínimo necesario e evitarase o paso de maquinaria e traballadores polas zonas que non sexan de ocupación permanente. As gavias para a liña soterrada excavaranse seguindo os viais do parque eólico e a afección aos humidais inventariados, en caso necesario, limitarase ás zonas de ocupación permanente. Asemade, balizarase e sinalizarase a zona de encharcamento temporal situada a 40 m da liña soterrada, para evitar a súa ocupación e afección polas obras.”

Para o BNG, estas afeccións constitúen un auténtico atentado ambiental, un ecocidio, un absoluto desprezo ao patrimonio natural. É absolutamente aberrante que se fale nestes termos de hábitats de excepcional interese como as turbeiras, que son fundamentais para a loita contra o cambio climático, a regulación do ciclo hidrolóxico e a preservación da biodiversidade.

O BNG considera incomprensíbel e inxustificábel que a Xunta non emitise informes contrarios á aprobación deste parque, que se pretende desenvolver nun espazo que foi proposto para a inclusión na Rede Natura 2000 e que está recoñecido como Área de Especial Interese Paisaxístico.

Esta mobilización do sábado 4 de marzo forma parte dunha campaña que inclúe tamén xuntanzas con entidades da zona e a presentación de proposicións e mocións no parlamento galego e nos concellos.

Publicacións Relacionadas