A fronte nacionalista destaca un ano de máis de 330 iniciativas “a pé de rúa” fronte á xordeira autoritaria do Goberno municipal e a política de abandono coa que a Xunta do PP castiga a cidade
Contrapón á política aparencial do Goberno local unha intensa acción política e social baseada en escoitar, participar e defender as causas xustas
Xabier P. Igrexas: “Fronte á inercia e o esgotamento de Abel Caballero e a un PP sen proxecto para Vigo, no 2026 seguiremos a empurrar unha alternativa aberta e en positivo para transformar Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo fixo hoxe balance dun 2025 marcado pola política aparencial do “máis do mesmo” do Goberno de Abel Caballero e polo abandono e maltrato continuado da Xunta do Partido Popular á maior cidade de Galiza.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu de que fronte ao “relato triunfalista de quen vive fóra da realidade”, instalado “no trono do emperador espido dunha cidade que se quere reducir a un parque temático”, o BNG desenvolveu ao longo deste ano unha intensa acción política e social centrada “nun exercicio hoxe tan imprescindíbel como revolucionario en Vigo: escoitar”.
Escoitar fronte á xordeira autoritaria
Igrexas contrapuxo esta liña de traballo á “xordeira autoritaria dun alcalde que se ausenta dos Plenos e criminaliza a quen formula críticas ou reivindicacións”. Nese contexto, destacou a celebración por primeira vez dun Debate Veciñal sobre o Estado da Cidade, no que participaron máis de 200 representantes dos movementos sociais, como exemplo dun modelo alternativo de facer política.
Do mesmo xeito, fronte a un Goberno municipal que “se apropia do diñeiro de todas e de todos como se fose seu”, o BNG promoveu un amplo proceso participativo arredor dos orzamentos municipais, que deu lugar a 198 emendas -o maior número presentado nunca na historia da cidade-, co obxectivo de poñer os inmensos recursos do Concello ao servizo das necesidades reais da veciñanza.
Máis de 330 iniciativas
Estas accións son só dous exemplos das máis de 330 iniciativas, propostas e posicionamentos que o BNG desenvolveu neste ano, cun traballo político “a pé de rúa”, percorrendo barrios e parroquias, en contacto permanente cos movementos sociais e acompañando a práctica totalidade dos procesos mobilizadores da cidade.
“Estivemos sempre a carón das causas xustas”, sinalou Igrexas, desde a loita das usuarias dos ximnasios municipais até a defensa de máis política social, mellores servizos públicos e ducias de conflitos laborais en demanda de traballo con dereitos, condicións decentes e salarios dignos.
Outro modelo de cidade
O portavoz do BNG destacou tamén como eixos centrais do traballo de 2025 o rexeitamento a un PXOM deseñado na escuridade dos despachos, ao servizo dos intereses dos de sempre e que pretende tronzar parroquias e avanzar cara a un Vigo máis gris; o empeño en esixir unha política pública ambiciosa en materia de vivenda, como principal problema social da cidade; e a defensa dunha mobilidade alternativa, con melloras reais no bus urbano, opoñéndose a Zonas de Baixas Emisións que discriminan con multas a quen non pode mercar un coche eléctrico e apoiando o taxi como servizo público fronte á piratería de Uber.
A isto sumouse a reclamación de políticas que apoien a creación cultural, que deixen de castigar o deporte vigués e a unha mocidade que “merece moito máis que uns poucos grandes concertos no verán”, así como a esixencia de facer das políticas feministas unha prioridade real, con feitos e non só con discursos, para combater todas as violencias machistas e avanzar cara a unha cidade verdadeiramente igualitaria.
Igrexas salientou tamén que o BNG tamén fixo valer Vigo fronte ás políticas de abandono do Partido Popular, reclamando que en 2026 a Xunta invista na cidade 260 millóns de euros, e diante dun Goberno español que debe cumprir os compromisos atinxidos con Vigo e con Galiza grazas ao acordo de investidura co BNG, facendo realidade a Saída Sur en 2030 e poñendo en marcha un tren de cercanías antes de que remate a lexislatura.
Unha alternativa que medra imparábel
O portavoz nacionalista subliñou que 2025 confirmou que a onda de simpatía e apoio cara ao BNG segue a medrar imparábel, despois de atinxir o logro histórico de que o nacionalismo fose a primeira forza en Vigo nas últimas eleccións galegas. “Cada vez son máis as viguesas e vigueses que ollan para o BNG, e a todas elas e eles tendémoslles a man”, afirmou.
“Fronte a quen quere facernos crer que nada pode cambiar, o mellor antídoto contra a resignación é a certeza de que nada está escrito e de que a historia a escribimos entre todas e todos”, enfatizou Igrexas. “Fronte á inercia e o esgotamento do ‘máis do mesmo’ de Abel Caballero e a un PP sen proxecto para Vigo, no 2026 seguiremos a empurrar unha alternativa aberta e en positivo para transformar Vigo”.
“O obxectivo é construírmos entre todas e todos un novo Vigo: máis habitábel, máis verde, máis xusto e igualitario, motor dunha nova Galiza. O Vigo que soñamos e merecemos, e que coa forza imparábel da xente lograremos facer realidade”, remachou.



