HomePontevedraO BNG pide a Caballero que faga público o proxecto da candidatura...

O BNG pide a Caballero que faga público o proxecto da candidatura de Vigo para sede do Mundial de fútbol

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista demanda transparencia e a elaboración dun estudo externo para avaliar o impacto económico e o retorno para a cidade no caso de acoller o evento deportivo en 2030

Reclama unha Comisión Informativa Especial diante da falla de información ao Pleno

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses merecen coñecer toda a verdade do que suporía ser sede do Mundial, dos seus custes e potenciais beneficios”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demandou este xoves transparencia do Goberno municipal en relación á aspiración de Vigo para ser sede do Mundial de fútbol do ano 2030. Tal e como reclamou no último Pleno, a fronte nacionalista pide que o alcalde, Abel Caballero, faga público o dossier da candidatura viguesa para coñecer os custos e potenciais beneficios de acoller este evento deportivo internacional.

Dende o Bloque insistiron na necesidade de dar coñecer o anteproxecto para a reforma do estadio de Balaídos e os gastos que suporía para a cidade ser sede do Mundial 2030, cuxo custo total se estima próximo aos 75 millóns de euros, segundo diferentes valoracións, o que significaría o maior investimento municipal nas últimas décadas.

Estudo do impacto económico

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considerou “imprescindíbel” a elaboración dun estudo externo para avaliar o impacto económico e o retorno da candidatura, para permitir que o conxunto da cidadanía poida coñecer as repercusións deste proxecto e definir unha opinión de cidade. “As viguesas e vigueses merecen coñecer toda a verdade do que suporía ser sede do Mundial, dos seus custes e potenciais beneficios”, asegurou.

Igrexas lamentou a falla de información por parte de Caballero desde que anunciou a intención de que Vigo fose sede do Mundial de fútbol. Afeou a ese respecto que “o Pleno nunca foi informado nin se contou coa opinión de ninguén” de cara á candidatura, lamentando que os únicos detalles que se coñecen sobre a mesma estean recollidos, de forma parcial, nos medios de comunicación.

Comisión Informativa Especial

Por este motivo, a fronte nacionalista chamou o alcalde a crear unha Comisión Informativa Especial con presenza de todos os grupos políticos municipais, como a que se vén de acordar por unanimidade no Concello da Coruña, para dar conta con “transparencia e claridade” do proxecto mundialista.

Para o portavoz municipal do Bloque, a cidade está a tempo de valorar con “rigor e responsabilidade” a posibilidade de acoller o Mundial 2030, despois de que a FIFA decidise adiar até o outono de 2026 a avaliación e definición das sedes. “Se de verdade Caballero quere abordar con seriedade esta cuestión, o camiño pasa por menos ruído e testosterona partidista e por máis transparencia e racionalidade”, remachou.

Publicacións Relacionadas