O BNG pide anticipar un Plan de Aforro Hídrico para evitar unha eventual falla de auga en Vigo

Redacción

Alerta de que o encoro de Eiras rexistra unha redución de case un 10% na súa capacidade, que se produce un mes antes que en 2025 e dous meses a respecto de 2024

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten rectificar a súa política de improvisación dos últimos anos onde atrasou as medidas de aforro e puxo a cidade nun escenario crítico”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide ao Goberno municipal que adiante a elaboración dun Plan de Aforro Hídrico e medidas de continxencia ante a posibilidade dunha seca en Vigo. A fronte nacionalista alerta da “preocupante” evolución que rexistra o encoro de Eiras, principal fonte de auga potábel da cidade, onde os datos oficiais reflicten unha redución de case un 10% da súa capacidade nas últimas semanas.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade de anticiparse a unha eventual seca diante das altas temperaturas e as previsións meteorolóxicas que anticipan ausencia de precipitacións, polo menos durante as vindeiras dúas semanas.  “En caso de se retrasaren tamén as choivas despois do verán, poderemos enfrontar un escenario crítico coa auga potábel”, advertiu.

Igrexas sinalou que a diminución da capacidade no encoro de Eiras está a producirse, segundo a serie histórica, case un mes antes do rexistrado no ano 2025, e con case dous meses de antelación que no 2024, nos que a cidade estivo baixo a ameaza de restricións no subministro de auga.

Non repetir a improvisación de anos anteriores

Dende o Bloque demandaron por estes motivos que o Goberno de Abel Caballero deseñe con antelación un Plan de Aforro Hídrico e medidas de continxencia, para comezar a aforrar o consumo que depende tanto do propio Concello como dos grandes consumidores, en particular no ámbito do tecido industrial e empresarial.

O portavoz municipal nacionalista interpelou o alcalde de Vigo para que rectifique a “política de improvisación” que, ao seu xuízo, definiu a actuación municipal nos últimos anos nos que o encoro de Eiras estivo baixo mínimos.  “Non podemos cometer de novo o erro de atrasar as medidas de aforro”, afirmou, urxindo a iniciar agora unha “verdadeira planificación” para garantir o subministro de auga potábel en Vigo en caso de seca.

Medidas a futuro

A fronte nacionalista reiterou tamén a necesidade de medidas, para alén do inmediato, destinadas a corrixir as eivas na rede de subministro. Entre elas, subliñou Igrexas, a necesidade dunha auditoría integral para identificar e reparar as fugas que provocan perdas significativas de auga, así como cortes continuados en diferentes puntos da cidade. “A auga é un ben escaso que debemos xestionar con responsabilidade, facendo prevalecer o interese público”, defendeu neste contexto de crecente escaseza hídrica. 

Comparte este artigo