O BNG pide mellorar o Ifevi para grandes concertos en lugar de arrasar cun bosque para o Vigo Arena

adminON
Lectura mínima de 3

Critica a intención de Abel Caballero de seguir adiante cun proxecto que faría desaparecer a carballeira da Barroca, en Navia: “É insustentábel e innecesario”

Xabier P. Igrexas: “Trátase de empregar unhas instalacións infrautilizadas en lugar de arrasar con 25.000 metros cadrados de bosque para a ‘Cidade da Cultura’ de Caballero” 

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide mellorar o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para acoller grandes concertos e eventos. A fronte propón investir neste recinto rexeitando a intención do alcalde, Abel Caballero, de seguir adiante coa construción do proxecto Vigo Arena, que suporía arrasar con 25.000 metros cadrados de bosque en Navia.

“É insustentábel a nivel ambiental e absolutamente innecesario”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en resposta ás declaracións do rexedor sobre o Vigo Arena. Un proxecto que, criticou, foi “legalizado pola porta de atrás” polo Goberno municipal cunha modificación na aprobación provisional do novo PXOM, á que só se opuxo o Bloque, que impediu á veciñanza presentar alegacións.

Igrexas salientou que non é preciso destruír un espazo natural de enorme valor ambiental como a carballeira da Barroca, en Navia, para que Vigo conte cun recinto pechado para grandes concertos e eventos. No seu lugar, o portavoz do Bloque propuxo investir na mellora e adecuación dun Ifevi que, asegura, está “infrautilizado” na actualidade.

Dende a fronte nacionalista lembraron que o Instituto Feiral conta cun aforo de 13.500 entradas e xa acolleu actuacións de artistas de primeiro nivel internacional, como Lenny Kravitz, Shakira, Bob Dylan ou máis recentemente Quevedo, e foi escenario nalgúns casos do inicio das súas xiras europeas.

Entre as melloras no Ifevi, o BNG considerou necesario dotar o recinto dunha moito mellor conexión de autobús e chamou a acordar o uso do aparcamento do aeroporto de Peinador, que durante a maior parte do tempo está desocupado, para o estacionamento de vehículos privados durante a celebración dos eventos.

“Trátase de empregar as instalacións infrautilizadas do Ifevi lugar de arrasar con 25.000 metros cadrados de bosque para edificar a ‘Cidade da Cultura’ de Abel Caballero”, afirmou Igrexas, reivindicando que “ningún mausoleo para macroconcertos como o Vigo Arena pode xustificar un arboricidio a grande escala”.

Sobre a carballeira da Barroca, o portavoz nacionalista defendeu a necesidade de conservar este espazo natural, con máis de 40 especies de aves rexistradas, nun ámbito como Navia que xa soporta unha importante urbanización.

Comparte este artigo