A fronte nacionalista inicia un amplo programa de actividades para render tributo á xornalista e escritora viguesa, finada en 2014, e recoñecida este ano co Día das Letras Galegas
Xabier P. Igrexas: “A experiencia vital dunha cidade obreira e rebelde marcou o seu pensamento crítico, o seu compromiso social e a súa defensa da cultura galega”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón recoñecer de forma póstuma a Begoña Caamaño coa Medalla de Ouro da Cidade, máxima distinción do Concello de Vigo. A fronte nacionalista destaca a figura desta viguesa, finada en 2014, como “unha das voces máis lúcidas e comprometidas da cultura galega contemporánea”, a quen a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas.
“A súa infancia no Calvario e o seu traslado despois ao barrio de Coia fixeron que Vigo fose unha parte substancial da súa identidade”, valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, nunha rolda de prensa xunto coa tamén concelleira nacionalista, Ana Martínez, e a irmá da autora, Bea Caamaño. “A experiencia vital dunha cidade obreira e rebelde marcou o seu pensamento crítico, o seu compromiso social e a súa defensa da cultura galega”, destacou.
Dende o Bloque veñen de trasladar tamén ao Goberno municipal a proposta de nomear como praza Begoña Caamaño a confluencia das rúas Aragón, Jenaro de la Fuente e Avenida do Aeroporto, como testemuño da súa importante pegada no corazón do Calvario. “Na cidade hai apenas 40 rúas con nomes de muller fronte ás case 300 dedicadas a figuras masculinas”, subliñaron.
Programa de actividades
Pola súa banda, a concelleira do BNG, Ana Martínez, anunciou o inicio dun amplo programa de actividades en Vigo durante os vindeiros meses para render tributo a Begoña Caamaño. Un ciclo que busca destacar a súa figura e obra diante da ausencia de iniciativas por parte do Goberno municipal en lembranza desta viguesa.
“Na convicción de que o mellor recoñecemento ao seu legado é popularizar a súa obra e pensamento, como un antídoto máis necesario do que nunca neste tempos escuros de ameazas reaccionarias e odio”, defenderon dende a fronte nacionalista.
A irmá da xornalista e escritora, Bea Caamaño, trasladou o agradecemento por parte da familia e chamou a recordala e celebrala como a “muller libre, rebelde, loitadora, afouta e defensora dos dereitos e das liberdades que foi”.
A figura de Begoña Caamaño
Xornalista de vocación e escritora de talento singular, Begoña Caamaño desenvolveu unha traxectoria marcada pola defensa dun xornalismo rigoroso, crítico e independente, sempre ao servizo da cidadanía. Durante máis de dúas décadas na Radio Galega destacou pola súa integridade profesional e pola súa firme defensa dun servizo público de comunicación veraz e plural.
A súa voz pública estivo profundamente ligada ás loitas sociais do seu tempo. Feminista convencida, participou activamente nos movementos pola igualdade das mulleres e mantivo un compromiso constante coa defensa dos dereitos da clase traballadora, coa lingua galega e coa dignidade da cultura propia, sempre desde un orgulloso sentimento de pertenza ao noso País.
Como escritora deixou dúas novelas de grande relevancia na narrativa galega recente, Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, nas que reinterpretou mitos universais desde unha poderosa perspectiva feminista e unha voz inequivocamente galega. A forza literaria e o compromiso cívico da súa obra fixeron que a Real Academia Galega lle dedicase o Día das Letras Galegas deste ano 2026.



