Afea a colaboración do Goberno de Caballero coas “políticas galegófobas” da Xunta do PP
Apenas o 3% dos menores de 14 anos fan uso do galego en Vigo, segundo datos do IGE
Xabier P. Igrexas: “Existe unha ampla sensibilidade social na nosa cidade en favor do galego que non se está a traducir en medidas activas para a súa plena normalización”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda reincorporar o Concello de Vigo no programa Apego. Unha iniciativa na que participan unha vintena de concellos galegos, en colaboración coa Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística, dedicada a promover o galego como lingua inicial entre o público infantil e as crianzas.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacou a importancia de programas como Apego nunha cidade como Vigo onde apenas o 3% dos menores de 14 anos fan uso do galego acotío, segundo os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE). “É claro que existe unha amplísima sensibilidade social na nosa cidade en favor do noso idioma, pero que non se está a traducir en políticas activas”, lamentou.
Igrexas acusou o Goberno municipal de Abel Caballero de colaborar “por omisión” coas “políticas galegófobas” que promove a Xunta de Galiza do PP. Denunciou, a ese respecto, a situación de “KO técnico” por falla de persoal no Servizo de Normalización Lingüística do Concello e lembrou que o Consello Social da Lingua leva dende 2019 sen convocar. Afeou tamén as reiteradas negativas do Goberno local ás propostas formuladas polo BNG para demandar un maior compromiso en favor da lingua galega.
“Diante das políticas de demolición en contra do galego do Goberno galego de Rueda, faise máis imprescindíbel do que nunca que o Concello de Vigo deixe de virarlle as costas ao noso idioma e sexa un axente activo en favor da súa plena normalización”, reclamou o portavoz municipal do BNG, quen valorou a reincorporación da cidade no programa Apego como un primeiro paso nese camiño.