Na comisión de medio ambiente do parlamento que se celebra o mércores 16 pola tarde, o responsable de Augas de Galicia terá que dar explicacións pola autorización da reconstrución do campo logo de que fose arrasado por unha riada en novembro de 2023
Luis Bará: “A Xunta é cómplice dun atentado ambiental e dunha nova agresión ao río Verdugo e á ría de Vigo”.
O deputado do BNG por Pontevedra Luis Bará formulará o próximo mércores unha batería de preguntas ao director de Augas de Galicia logo de que unha riada provocada polo temporal Kirk volvese destrozar o campo de fútbol da Chan da Barcia en Ponte Caldelas, menos de un ano despois de que outro temporal provocase grandes destrozos e o arrastre de 30 toneladas de recheo de caucho granulado ao cauce do río Verdugo con afección tamén á ría de Vigo.
Malia estes antecedentes, o concello de Ponte Caldelas licitou a reconstrución do campo coas mesmas características técnicas e a mesma ubicación da anterior instalación. Esta decisión tomouse a pesar de que nos últimos 10 anos o campo de fútbol de Chan da Barcia inundouse polo menos tres veces (16 de outubro de 2014, 8 de xaneiro de 2016 e 4 de novembro de 2023), con danos importantes nas dúas últimas ocasións.
Cando se tramitou o proxecto de reconstrución do campo, que foi financiado con fondos da Deputación e tivo un custo de 273.231,51 euros, a asociación A Rente do Chan presentou un escrito en Augas de Galicia para que non se autorizase a renovación do campo de fútbol empregando recheo de caucho granulado.
Ao mesmo tempo advertiu da necesidade de revisar os Mapas de perigosidade e risco de inundacións das Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSIs) da demarcación Galicia-Costa, pola evidencia de que o campo de fútbol de Chan da Barcia está nunha zona inundable.
Malia estas advertencias, Augas autorizou o proxecto do Concello e polo tanto é corresponsable dos danos producidos. Por este motivo, o deputado nacionalista pedirá explicacións e responsabilidades á Xunta en sede parlamentaria.