A edil Estrella Fernández interpelou ao alcalde no Pleno para que aclarase se desde que se actualizaron os prezos houbo un incremento ou unha perda de usuarios e usuarias, algo ao que o Goberno local non respostou, comprometéndose a facelo por escrito
O Bloque lembra que os incrementos de tarifas afectan sobre todo a persoas non empadroadas en Sanxenxo, que son aproximadamente o 40% de usuarios e usuarias das instalacións
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo solicita ao alcalde, Telmo Martín, que achegue “con luz e taquígrafos” información sobre o impacto que tivo sobre a piscina municipal a actualización de prezos executada polo Partido Popular hai uns meses. As novas tarifas entraron en vigor en maio de 2025 e obrigan a todos os usuarios e usuarias a pagar máis polas inscricións, afectando especialmente a persoas que non están empadroadas no municipio.
A concelleira Estrella Fernández foi a encargada de trasladar esta cuestión na quenda de rogos e preguntas do Pleno ordinario do pasado luns. O alcalde comprometeuse a dar resposta por escrito. “Estaremos moi pendentes da información que nos achega, porque xa pasou un tempo suficiente como para facer un balanzo das consecuencias da suba, en moitos casos excesiva, para o servizo”, sinalan os nacionalistas. En concreto, a edil do Bloque interpeleou a Telmo Martín para que aclarase se coa nova taxa existe unha perda ou un incremento de usuarios e usuarias con respecto ao mesmo período do ano anterior, previo á actualización.
Neste sentido, os nacionalistas xa advertiron no seu día que a suba era excesiva, porque, a pesares de que inclúe bonificacións para persoas empadroadas, aproximadamente o 40% das persoas que fan uso das instalacións non están no censo do Concello de Sanxenxo. “As persoas que oficialmente non residen aquí pasaron a pagar 45 euros por bonos de 15 pases, cando antes costaban 33.
Un cota mensual para un socio de fóra de Sanxenxo tamén pasou de 34 a 42 euros. E todo isto sen esquecer que tanto empadroados como non empadroados pasaron a pagar 15 euros por darse de alta, cando antes eran 10 euros”, apuntan desde o BNG.
O que si teñen claro no Bloque é que a día de hoxe a piscina e o ximnasio de Baltar continúan presentando as mesmas deficiencias que hai meses, e que foron denunciadas en varios ocasións por numerosos usuarios ou usuarias. “Esa suba de prezos dende logo non se está aproveitando para mellorar as instalacións, nas que en épocas de chuvia continúan producíndose filtracións de auga, especialmente no ximnasio. Ademais, continúa sen instalarse iluminación LED e as avarías nos grifos das duchas arránxanse con moita demora”, enumeran desde o grupo nacionalista, que temen que a política de suba de impostos de Telmo Martín acabe pasando factura a un servizo que “xa antes era deficitario e que agora podería acabar pechando por ser inasumible se hai unha baixada de usuarios e usuarias”.



