HomeO MorrazoMarínO BNG presenta enmendas aos orzamentos da Xunta para mellorar os servizos...

O BNG presenta enmendas aos orzamentos da Xunta para mellorar os servizos de Marín

- Anuncio -spot_img

O Grupo Municipal nacionalista denuncia que o investimento anunciado pola Xunta non resolve os proxectos atrasados nin os déficits históricos que a veciñanza leva anos reclamando, especialmente en materia de saneamento, mobilidade e dotacións sociais.

O BNG de Marín vén de presentar as súas emendas aos Orzamentos da Xunta para 2026, un conxunto de propostas que volven poñer o foco nas necesidades reais do Concello, moitas delas reiteradas en anos anteriores sen que o Goberno da Xunta dera resposta. Dende a formación nacionalista subliñan que, aínda que os Orzamentos contemplan arredor de 8 millóns de euros para Marín, moitas das demandas que a veciñanza leva anos reclamando seguen sen atenderse, e a vila continúa acumulando proxectos pendentes en ámbitos prioritarios sen avances reais. “Se Marín segue no mesmo punto en cuestións básicas como o saneamento no rural ou a mobilidade urbana, non é por falta de propostas senón pola falta de vontade política para atender estas demandas”, sinalan.

As enmenas inclúen varias actuacións no ámbito da mobilidade, esencial para o futuro de Marín. Proponse un estudo técnico para avanzar cara á creación dun servizo municipal de transporte público, así como outro para desenvolver os viais supramunicipais previstos no PXOM, necesarios para mellorar a circulación e planificar o crecemento urbano. Tamén se propón un estudo xeotécnico para avaliar a viabilidade dun aparcamento soterrado e dun túnel entre a Praza de España, a Alameda e o Paseo Alcalde Blanco, co obxectivo de reorganizar os accesos ao centro da vila.

Outro dos déficits máis graves e recorrentes é o das infraestruturas de saneamento e abastecemento, un problema que Marín leva anos arrastrando e que o BNG vén trasladando de maneira reiterada. As emendas incorporan actuacións para mellorar estes sistemas en Coirados, Vista Alegre e Cadro–Cadrelo, e inclúen tamén a intervención no saneamento e abastecemento de auga do CEIP Ardán, acompañada da compra de terreo necesaria para reforzar a seguridade da súa contorna.

A protección e posta en valor do patrimonio cultural tamén está entre as prioridades do BNG, que propón reforzar a conservación do patrimonio marinense e garantir a continuidade das escavacións no Castro da Subidá. Xunto a isto, a formación solicita novos equipamentos, como a construción dun pavillón cuberto con rocódromo e o impulso dunha residencia de maiores no Seixo, unha infraestrutura social que considera urxente para atender á poboación máis envellecida.

No ámbito sanitario, o Bloque reclama de novo melloras no Centro de Saúde de Marín, incluíndo a instalación dun Back Up estático que permita un funcionamento máis eficiente e seguro.

Con este conxunto de propostas, o BNG reafirma o seu compromiso de avanzar nun modelo de Marín máis igualitario, con mellores servizos públicos e cunha planificación que poña en valor tanto o presente como o futuro da vila.

Publicacións Relacionadas