Prado fai un chamamento á veciñanza do Salnés a participar na manifestación convocada o domingo 18 en Santiago contra a espiral inflacionista que impacta na maioría social.
Na comparecencia de impresa a deputada nacionalista Montse Prado sinalou que estamos inmersas nunha escalada inflacionista en niveis insoportábeis para a maioría social, que está lastrando a economía. “A escalada de prezos está empobrecendo ás familias, á clase traballadora, levando ao límite a moitas empresas e mesmo a sectores produtivos esenciais en Galiza como o transporte, mar, agro, comercio, pequenas e medianas empresas, autónomos e sobre todo está afectando a quen menos ten, quenes xa vivían ao límite e non poden afrontar a subida de prezos”, apuntou.
Unha escalada de prezos que pon en risco a viabilidade de moitos negocios e a viabilidade de moitos proxectos de vida.
Prado denunciou que estamos diante dun nivel de prezos máis alto en corenta anos, “unha crise inxusta e antisocial”.
“A suba da cesta da compra, todos os produtos básicos están experimentando subas inasumíbeis; os combustíbeis; a suba dos tipos de interese, cun 35% en setembro,e que para 2023, pode chegar a encarecer a hipoteca unha media de 200 euros ao mes, afogando aínda máis ás familias” denunciou Prado.
A nacionalista continuou dando datos da situación que estamos a padecer @s galeg@s “pagamos un 102% máis na factura da luz que en 2020; pagamos máis que a media por ter que acudir á asistencia sanitaria privada ao non ter atención na sanidade pública; Galiza ten un IPC un punto máis alto que na media do estado, a pesares de ter os salarios e pensións máis baixos. A media da subida salarial é do 3% mentres o IPC está na Galiza nun 7´8%.”
“Todo isto mentres as grandes empresas do IBEX, as multinacionais, a banca, as eléctricas non fan máis que aumentar os seus beneficios”, advertiu
–Unha banca que sigue obtendo beneficios récord -un 33% máis de ganancias no que vai de ano-, cando aínda non devolveu os 90.000 millóns de euros de rescate.
–Un lobby eléctrico que tamén continúa forrándose, nos primeiros 6 meses deste ano só 3 aumentaron os seus beneficios un 24% 3,548 millóns
— Inditex aumentou un 41% as súas ganancias nos primeiros 6 meses, 1.794 millóns
Para resolver esta espiral inflacionista ten que haber un cambio de rumbo e non medidas que seguen engordando os beneficios astronómicos das multinacionais, “No BNG temos claro que esta escalada non pode pagala a clase traballadora, a maioría social”, apuntou.
Para a deputada non podemos permitir que nos apliquen as mesmas receitas que na anterior crise. “ En 2008 o Estado rescatou con case 90 mil millóns á banca, dos que non devolveron arredor de 80 mil millóns”, afirmou.
Prado concluíu que desde o BNG seguirán denunciando para que esta crise non a paguen os de sempre, e frear medidas como a nova rebaixa das pensións. Para a deputada “apostar pola paz, garantir que a enerxía sexa un ben público, moratoria na suba das hipotecas, tope nos prezos da luz e dos carburantes, máis recursos para a sanidade pública, novo modelo de financiamento que garanta os recursos que Galiza precisa, tarifa eléctrica galega, se pode Aragón porque Galiza non?, son cuestións fundamentais para @s galeg@s.



