O proxecto asenta parte das infraestruturas na zona onde a Xunta emitiu no seu día unha Declaración de Impacto Ambiental negativa para outro parque eólico
O BNG da Estrada presentará por urxencia no pleno deste xoves unha moción para que o concello presente alegacións ao proxecto do parque eólico Ventoburgo, que presenta a empresa Caoba Wind, SL. Este proxecto é de 59,85 MW, e polo tanto de tramitación estatal, afectaría aos montes de Cabanelas, parroquia de Liripio, onde se colocarían, de saír este proxecto adiante, até seis aeroxeradores.
Chama a atención que este proxecto eólico de Ventoburgo, asenta parte das infraestruturas na zona onde a Xunta de Galicia emitiu no seu día unha Declaración de Impacto Ambiental negativa a outro parque eólico, considerando que a actuación proxectada non é ambientalmente viábel, vistos os informes de Patrimonio e outros organismos.
Cremos que este feito, unido ao valor paisaxístico, cultural e patrimonial, debería preocupar ao goberno municipal da Estrada, que, como ten feito noutras ocasións, alegou a proxectos eólicos que atentaban contra o medio ambiente e o modo de vida dos veciños e veciñas. Por este motivo, instamos a PP, PSOE e Móvete a apoiar a moción que pide ao goberno municipal presentar alegacións para frear este proxecto depredador, que atenta contra o noso territorio.
Por outra parte, outro aspecto que chama a atención deste proxecto é que se presenta xunto a outros catro parques eólicos que presentan un total de cinco empresas diferentes, mais todas elas teñen o mesmo domicilio social. Este feito pode ser moi legal, mais demostra o que tantas veces temos denunciado desde o BNG, que estamos ante un espolio de libro, que neste caso xa actúan con total descaro.