O BNG propón a creación do “Premio das ciencias Ramón Verea”

adminON
Lectura mínima de 2


Xoán Reices: “Con esta iniciativa non só queremos poñer en valor un dos persoeiros máis relevantes a nivel mundial do noso concello, senón axudar ás científicas e científicos da Estrada”.

O BNG da Estrada vén de rexistrar unha moción para poñer en valor a figura de Ramón Verea, nacido en Curantes en 1833, un veciño polifacético, que entre outras cousas foi o inventor da calculadora, unha máquina que hoxe forma parte da colección de IBM.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, “o noso concello ten unha débeda histórica co noso veciño Ramón Verea, unha figura que a maioría dos veciños e veciñas descoñece, e cremos que é a hora de poñer en valor, creando uns premios co seu nome para non só para axudar a divulgar a ciencia entre as novas xeracións, senón tamén para axudalas economicamente na súa carreira científica”.
“Por outra parte”, engade Reices, “en colaboración coa FECYT, as Universidades, o CSIC e os centros de ensino, propoñemos unha feira da ciencia no concello con actividades de exposición e divulgación de proxectos”. “A ciencia é clave no desenvolvemento dos pobos”, afirma Reices, “e con esta iniciativa poñemos un pequeno gran de area para que entre os nosos e as novas veciñas saian máis Ramón Verea”.
Xoán Reices afirmou tamén que “A Estrada non pode deixar pasar a oportunidade de reivindicar o legado deste veciño extraordinario, como fixo no seu día o mestre Olimpio Arca; cremos que Ramón Verea pode ser unha figura inspiradora para as xeracións máis novas da poboación estradense”.

Comparte este artigo