HomePontevedraPontevedraO BNG propón converter a arte rupestre nun gran recurso educativo e...

O BNG propón converter a arte rupestre nun gran recurso educativo e turístico do Val do Lérez

- Anuncio -spot_img

O grupo nacionalista presenta no parlamento un plan de dinamización do extraordinario conxunto de arte rupestre de Campo Lameiro, Cotobade, Ponte Caldelas, Pontevedra e Poio

O deputado nacionalista Luís Bará propón que os orzamentos da Xunta para o ano 2026 inclúan unha partida para este plan de dinamización

Con motivo do Día Internacional da Arte Rupestre que se celebra hoxe 9 de outubro, o BNG impulsa a proposta dun Plan de Protección, Conservación e Posta en valor do extraordinario conxunto de arte rupestre do Val do Lérez-ría de Pontevedra, do que forman parte as estacións do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro, as situadas en Cerdedo-Cotobade (Lombo da Costa e Fentáns, entre outras), Ponte Caldelas (área arqueolóxica de Tourón), a área arqueolóxica da Caeira en Poio ou os recursos do Museo de Pontevedra. Este plan tamén podería incluir o centro de interpretación da Pedra do Labirinto de Mogor (Marín).

O obxectivo deste plan é a protección, conservación e dinamización do mellor conxunto de arte rupestre de Galiza e un dos máis importantes da Península mediante actividades sociais, educativas e turísticas. No ámbito social promoveríase a divulgación e coñecemento deste valioso patrimonio cultural por parte de asociacións de toda Galiza. No ámbito educativo desenvolverase un proxecto pedagóxico arredor da arte rupestre e o seu tempo así como un programa de visitas guiadas a estes conxuntos. Na dimensión turística, trátase de converter este fenomenal conxunto nun polo de atracción de visitantes de todo o mundo interesados na arte rupestre, nunha liña semellante a outros enclaves como o de Foz Coa en Portugal.

Segundo Luís Bará, esta iniciativa parte do recoñecemento dos problemas de conservación destes bens así como do escaso nivel de visitantes que teñen pola falta dunha estratexia de promoción e divulgación axeitada. Un bo exemplo disto é a baixa cifra de visitantes ao Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro ou a carencia dun programa continuado de actividades de dinamización nos demais enclaves.

Para desenvolver este ambicioso plan, o BNG propón a creación dunha entidade de cooordinación e impulso, a Mesa da Arte Rupestre (MAR), formada pola Xunta, a Deputación e os concellos, co obxecto de desenvolver un Plan Director para a dinamización da arte rupestre do Val do Lérez-ría de Pontevedra.

Coa iniciativa rexistrada no parlamento por medio do deputado por Pontevedra Luís Bará, o BNG propón a inclusión nos orzamentos da Xunta para 2026 dunha partida económica que permita poñer as bases deste novidoso e ambicioso plan

Publicacións Relacionadas