O BNG propón homenaxear a Sandra Fentanes Canda o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

adminON
Lectura mínima de 3

Ernesto Filgueira: “Sandra Fentanes Canda ten motivos máis que  suficientes para que sexa recoñecida nos actos municipais do 8M porqu é unha muller nova, traballadora nun mundo maioritariamente  masculinizado, e con unha gran vocación humanitaria demostrada no  recente desastre da Dina en Valencia. 

Diante da proximidade da celebración o 8 de  marzo do Día Internacional das Mulleres, e do inicio dos traballos para elaborar a  programación das actividades deste día por parte do goberno municipal, o BNG quere  facer pública a proposta da veciña Sandra Fentanes Canda, natural de Valongo, como  unha das mulleres a homenaxear e recoñecer. 

Coa proposta de Sandra Fentanes Canda queremos pór en valor tres aspectos que para  nós son moi importantes e significativos 

A XUVENTUDE. Para o BNG é importante darlle valor á mocidade nun concello,  coma o noso, moi avellentado, e Sandra Fentanes representa moi ben ás mozas  dinámicas que hai no noso concello. 

A IGUALDADE. Sandra Fentanes, transportista profesional, foi quen de abrirse  camiño nun ámbito laboral tremendamente masculinizado.  

A SOLIDARIEDADE. A actitude de Sandra Fentanes poñendo o seu tempo e o seu  camión a disposición de empresas, ANPAS e asociacións para levar mercadorías ás  zonas afectadas pola Dina en Valencia é digna de toda a nosa admiración, e unha  mostra da solidariedade do noso pobo. 

O 8 de marzo é, desde hai máis de cen anos, unha data internacional de reivindicación  e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. Promover a igualdade entre homes e  mulleres pasa por fomentar a mudanza de valores, rachando co modelo actual de  socialización sexista, promovendo novas formas de ser mulleres e homes e avanzando  nun modelo de relacións simétricas. 

Neste sentido, “desde o BNG consideramos que a xuventude, a loita pola igualdade e a  solidariedade demostrada por Sandra Fentanes Canda son motivos máis que  suficientes para que o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, reciba  recoñecemento e o agarimo dos seus veciños e veciñas e da corporación municipal ao  completo”, afirmou o portavoz municipal, Ernesto Filgueira.

Comparte este artigo