O BNG propón impulsar a ‘Estratexia Local Vigo Verde’ para avanzar cara a unha cidade máis sustentábel

adminON
Lectura mínima de 5

O grupo nacionalista pide un plan de acción para reverter as políticas de Caballero: poñer fin ao arboricidio, ao abandono dos espazos naturais e un novo modelo de mobilidade

Xabier P. Igrexas: “O futuro da nosa cidade só pode ser verde”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón impulsar a Estratexia Local Vigo Verde, unha iniciativa para avanzar cara a unha cidade máis sustentábel. Coincidindo co Día mundial do Medio Ambiente, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, chama a despregar un plan de acción para combater a emerxencia climática, declarada por unanimidade do Pleno hai case seis anos pero sen ningún avance.

O voceiro nacionalista lembrou que, nesa sesión plenaria de 2019, xa advertira de que esta declaración “non podía ficar nun brinde ao sol”, urxindo compromisos concretos para facer desta cuestión unha prioridade nas políticas municipais. “Lonxe diso, o Goberno municipal actuou durante este tempo no sentido contrario, deixando a ordenanza de medio ambiente en papel mollado”, denunciou Igrexas.

Por este motivo, chamou a despregar medidas acompañadas de recursos económicos para reverter as políticas de “gris cemento e asfalto” de Abel Caballero. Entre elas, demandou poñer fin ao arboricidio; reforzar a protección de espazos naturais como o Lagares, o litoral e os montes periurbanos; recuperar de maneira integral o areal de Samil e avanzar nun novo modelo de mobilidade.

Unha Estratexia Local Vigo Verde que, a xuízo do Bloque, debe ser definida coa máxima participación, en diálogo coas organizacións ecoloxistas e defensa ambiental, e reactivando o Consello Sectorial de Medio Ambiente tras máis de seis anos sen convocar. Igrexas definiu a ese respecto cinco grandes eixos para poñer en marcha a iniciativa.

Cinco grandes eixos

A primeira, pular por unha mobilidade alternativa, que permita reducir substancialmente o uso do coche particular nunha cidade na que cada día de producen de media 300 mil desprazamentos e con 600 mil toneladas anuais emitidas de CO2. Para iso, pediu mellorar a oferta de transporte colectivo, en particular do servizo de bus urbano, e facer de toda a cidade unha Zona de Baixas Emisións sen multas nin restricións.

Outra das liñas de traballo defendidas polo BNG pasan por reforzar a protección e valorización dos montes periurbanos, prestando maior apoio ás comunidades de montes e facendo realidade o Anel Verde. Igrexas afeou tamén a pretensión de Caballero de facer desaparecer 24 mil metros cadrados de carballeira na Barroca, en Navia, ou construír novos viais que van tronzar o pulmón ecolóxico que representan parroquias como Bembrive ou Beade.

Reconciliar Vigo co seu litoral é outro dos eixos da Estratexia proposta pola fronte nacionalista. Para conseguilo, o Bloque pide poñer fin á “barra libre” de urbanizacións en primeira liña de costa, como o caso dos chalés de Cabo Estai, e impedindo novos recheos na Ría. Aliás, reclamou abrir sendas públicas en todo o litorial vigués e na Illa de Toralla. Sobre a recuperación dos areais, reclama rectificar o proxecto en Samil onde se está instalando un novo paseo de formigón “inda máis grande que o anterior”.

Outra das precupacións nacionalistas responden ao “arboricidio permanente” do Goberno municipal durante os últimos anos. Un plan de protección do arboredo urbano e a actualización da ordenanza de medio ambiente son as medidas defendidas polo Bloque para “garantir o dereito ás árbores e salvagardar o seu papel vital” no ecosistema urbano.

Nunha liña similar, aposta por declarar como Espazos Naturais de Interese Local o curso do Lagares, así como os ríos Eifonso e Barxa, para alargar a protección dos espazos fluviais da cidade. Nese sentido, fixou como prioridade incrementar os medios de control para evitar novos vertidos.

“O futuro da cidade só pode ser verde”, resumiu o portavoz municipal do BNG.

Comparte este artigo