HomePontevedraO BNG propón mellorar o Ifevi para acoller grandes concertos e eventos...

O BNG propón mellorar o Ifevi para acoller grandes concertos e eventos en Vigo

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista chama a aproveitar o recinto feiral e desbotar de forma definitiva o proxecto de Vigo Arena, que supón arrasar 25.000 metros cadrados de bosque en Navia

Xabier P. Igrexas: “Para que Vigo conte cun recinto pechado para grandes concertos e eventos artísticos non é necesario destruír un espazo natural de enorme valor ambiental”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón a mellora das instalacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para acoller grandes concertos e eventos. A fronte nacionalista vai trasladar ao padroado esta proposta para que sexa incluída no plan estratéxico xunto co reforzo do recinto feiral como principal referencial no turismo MICE, de congresos, feiras e exposicións.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, chamou a aproveitar o potencial do Ifevi, “infrautilizado en grande medida”, en vista do retorno da cooperación institucional e da fin das disputas partidistas nos últimos anos arredor do recinto feiral. “A tarefa é poñer a punto o recinto feiral mellorando, modernizando e dotando tecnicamente as súas instalacións”, defendeu.

Igrexas valorou que destinar o Ifevi para grandes concertos e eventos ten que implicar en paralelo “que se desbote de maneira definitiva a delirante idea de construír o Vigo Arena”. Un proxecto do Goberno de Abel Caballero que, lembrou, suporía arrasar con 25.000 metros cadrados de bosque na Barroca, en Navia, e que foi legalizado “pola porta de atrás” cunha modificación na aprobación provisional do novo PXOM, coa oposición do Bloque, impedindo así que a veciñanza puidese presentar alegacións.

“Non a dilapidar recursos nun mauselo de Caballero”

“Para que Vigo conte cun recinto fechado para grandes concertos e eventos artísticos non é necesario destruír un espazo natural de enorme valor ambiental”, advertiu o portavoz municipal do BNG. “A cidade non necesita dilapidar recursos públicos para construír unha especie de mausoleo de Caballero nin unha Cidade da Cultura en Navia”, engadiu.

Entre as actuacións necesarias no Ifevi, a fronte nacionalista destacou a mellora dos accesos e das conexións por autobús. Tamén a ampliación da capacidade de aparcamento, propoñendo que se acorde para os grandes eventos o uso do estacionamento do aeroporto de Vigo, desocupado durante a maior parte do tempo, da mesma forma que se foi para a realización da feira Conxemar. 

Publicacións Relacionadas