A formación nacionalista aposta pola colaboración con entidades privadas e outras administracións para ampliar a oferta de aparcamento. A proposta inclúe acordos con supermercados, Autoridade Portuaria e Igrexa para habilitar prazas en momentos de maior demanda
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará no vindeiro pleno do 9 de abril unha moción orientada a aliviar a situación do problema de aparcamento no casco urbano mediante a colaboración con entidades privadas e outras administracións.
A iniciativa contempla a sinatura de convenios con supermercados e outras entidades que dispoñen de prazas de estacionamento dispoñibles fóra do horario de maior actividade, especialmente en domingos, festivos e xornadas de elevada afluencia. Así mesmo, prevé establecer acordos coa Autoridade Portuaria para habilitar zonas de estacionamento na contorna da avenida de Ourense e do paseo Alcalde Blanco, así como a sinatura dun convenio coa autoridade eclesiástica para permitir o uso do aparcadoiro da igrexa parroquial en días de especial actividade, como os xoves de feira. Segundo expón o BNG, estas medidas permitirían aumentar de maneira inmediata a oferta de aparcamento sen necesidade de acometer investimentos elevados.
Celia García Santomé, concelleira do BNG, sinala que a falta de estacionamento é unha problemática estrutural en Marín, agravada nos últimos anos pola eliminación de prazas sen alternativas suficientes. Neste contexto, a formación nacionalista, defende a necesidade de aplicar solucións realistas e baseadas no aproveitamento dos recursos xa existentes.
O BNG subliña que esta proposta dá continuidade ao conxunto de iniciativas presentadas anteriormente para mellorar a mobilidade na vila, baseadas no propio documento do PMUS do Concello e no diálogo e colaboración co tecido social e económico. “A veciñanza precisa solucións útiles e inmediatas que melloren o día a día e favorezan a actividade comercial”, destacan.
García Santomé agarda que o goberno do Partido Popular (PP) valore esta proposta e avance cara a medidas efectivas que contribúan a aliviar un dos principais problemas da vila.



