Lucía Santos considera concorrer á convocatoria do programa estatal do 2% Cultural iniciativa suporía unha oportunidade clara para protexer, divulgar e facer accesible un patrimonio único, ao tempo que se impulsa un modelo de desenvolvemento cultural e turístico sustentábel para Marín
O BNG de Marín levou á Comisión Informativa de Promoción Económica e Patrimonio, o pasado 29 de decembro, unha proposta para que o Concello concorra á convocatoria do programa estatal do 2% Cultural, impulsado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, co obxectivo de financiar actuacións de conservación e posta en valor do patrimonio histórico.
A convocatoria, publicada no Boletín Oficial do Estado o pasado 10 de decembro de 2025, está dirixida a bens inmobles declarados Ben de Interese Cultural (BIC) ou situados na súa contorna, e ten aberto o prazo de presentación de solicitudes até o 18 de febreiro de 2026.
Neste contexto, a portavoz Lucía Santos, lembra que Marín conta cun importante patrimonio arqueolóxico catalogado como BIC, entre o que se inclúen 15 estacións de gravados rupestres e unha mámoa, ademais de dispor dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico aprobado, o que sitúa ao concello nunha posición favorable para optar a estes fondos.
Santos considera que esta iniciativa suporía “unha oportunidade clara para protexer, divulgar e facer accesible un patrimonio único, ao tempo que se impulsa un modelo de desenvolvemento cultural e turístico sustentábel para Marín”.
Desde o BNG instan ao goberno municipal a aproveitar esta convocatoria e presentar un proxecto rigoroso que permita acceder a estes fondos estatais e avanzar na conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Marín.



