A fronte nacionalista destaca que as candidaturas “representan o talento, o compromiso cívico e a pluralidade da nosa cidade”
Xabier P. Igrexas: “Os recoñecementos da cidade deben ser de toda a cidade e non apenas dunha parte, deben ser un espazo de encontro e consenso que represente a diversidade que felizmente define Vigo”
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou que a fronte nacionalista trasladou xa ao resto de grupos municipais e á alcaldía as súas propostas para o recoñecemento de Viguesas e Vigueses Distinguidos 2026, con catro candidaturas que, segundo explicou, “representan moi ben o talento, o compromiso cívico e a pluralidade da nosa cidade”.
A primeira proposta é a de José Manuel Nogueira Rey, pola súa traxectoria de case sete décadas dedicadas á defensa, ensino e promoción da música e do baile tradicional galego en Vigo. Desde os seus inicios nos anos sesenta no grupo Lembranzas Galegas até o seu labor na Asociación Cultural O Coto, desenvolveu unha traxectoria destacada como profesor, coreógrafo, músico e dinamizador cultural. A través do grupo Airiños do Coto formou centos de mozos e mozas e contribuíu de maneira decisiva á transmisión da cultura popular galega ás novas xeracións.
A segunda proposta é SonDeSeu, que é a primeira orquestra folk de Galiza, nacida en Vigo no ano 2001 arredor da Escola Municipal de Artes e Oficios e que cumpre 25 anos de historia. Durante este tempo converteuse nun proxecto musical pioneiro que reuniu decenas de músicos e músicas arredor dun formato singular que combina formación, creación e comunidade. O seu traballo contribuíu a renovar e proxectar internacionalmente a música tradicional galega, levando o nome de Vigo a numerosos escenarios europeos.
O BNG tamén propón recoñecer á Asociación Veciñal de Teis, que este 2026 cumpre cincuenta anos de historia. Medio século de compromiso coa defensa dos dereitos do barrio e coa mellora das condicións de vida da veciñanza. Desde a súa creación, no contexto das loitas pola democracia, converteuse nun referente de organización e participación cidadá e nun actor moi destacado do movemento veciñal da cidade.
A cuarta proposta é o recoñecemento a título póstumo de Xosé Lodeiro, coñecido como “o pintor de Vigo”, un dos artistas máis singulares da plástica galega contemporánea. A súa obra, profundamente vinculada á cidade e á paisaxe da ría, contribuíu a renovar a pintura galega cun estilo propio que continúa a ser hoxe un símbolo da modernidade cultural viguesa. Segundo explicou Igrexas, “a cidade ten unha débeda de recoñecemento co contributo inmenso que Lodeiro fixo en prol da nosa cultura”.
Recoñecementos de “toda a cidade”
O portavoz municipal nacionalista subliñou que estas propostas se formulan coa vontade de que as distincións municipais “reflictan a pluralidade de Vigo, recoñecendo persoas e colectivos que desde ámbitos moi distintos contribuíron e contribúen a facer da nosa cidade un lugar mellor”.
Nese sentido, Igrexas expresou a súa confianza en que as candidaturas presentadas polo BNG poidan contar co apoio unánime do conxunto da Corporación. “Os recoñecementos da cidade deben ser de toda a cidade e non apenas dunha parte, deben ser un espazo de encontro e consenso que represente a diversidade e a pluralidade que felizmente definen Vigo”, concluíu.



