HomeTabeirósA EstradaO BNG quere devolverlle á Praza de Abastos da Estrada o papel...

O BNG quere devolverlle á Praza de Abastos da Estrada o papel de corazón económico e social do concello

- Anuncio -spot_img


Os concelleiros nacionalistas Xoán Reices e Sindo Vilamaior presentan unha moción cun ambicioso plan de revitalización da Praza de Abastos, co que o BNG busca transformar este espazo  nun centro vivo de actividade económica, cultural e gastronómica.

O documento propón un plan integral en tres fases —curto, medio e longo prazo— que inclúe medidas para atraer novos praceiros, promover o produto local e modernizar as instalacións. Entre as accións destacan rebaixas nos alugueiros, campañas de promoción, bonos de consumo, creación dun espazo gastronómico, mercados temáticos e unha plataforma de venda en liña para produtores locais.

“A Praza de Abastos debería ser o escaparate da nosa economía local, o lugar onde o campo e o comercio se dean a man”, explicou Xoán Reices, quen sinalou que “levamos anos vendo como este espazo se apaga, mentres o goberno municipal segue sen un proxecto serio para revitalizalo”.

O plan do BNG tamén contempla, a medio prazo, a creación dunha marca local de calidade (‘Do campo á praza’) e, a longo prazo, a reforma integral da praza, un centro de interpretación gastronómica e unha feira anual que poña en valor o produto estradense e o saber facer do noso rural.

Reices tamén destacou que “non se trata só de vender produtos, senón de crear un espazo de vida, encontro e identidade estradense”. Engadiu ademais que “o noso obxectivo é facer da Praza un motor de emprego e autoestima, un lugar que recupere o protagonismo perdido e que sexa orgullo do concello”.

A moción inclúe tamén a creación dunha comisión participativa, formada por praceiros, produtores, comerciantes, hostaleiros, asociacións culturais e técnicos municipais, para definir e consensuar as medidas do plan. O BNG solicita ademais que o goberno local leve a proposta a aprobación plenaria e a poña en marcha no prazo máximo de seis meses.

“Temos talento, produto e vontade. Só falta decisión política”, concluíu Reices, que fixo un chamamento a todas as forzas municipais “a sumar para recuperar un espazo que é símbolo da nosa historia e chave para o futuro económico da Estrada”.

Publicacións Relacionadas