HomeO MorrazoMarínO BNG reclama a actuación inmediata no Camiño ao CEIP Sequelo

O BNG reclama a actuación inmediata no Camiño ao CEIP Sequelo

- Anuncio -spot_img

Tino Iglesias reclama unha intervención urxente no camiño do Lameira, onde dous buratos sen tapar e un panel publicitario en mal estado supoñen un risco evidente para o alumnado do CEIP Sequelo, as familias e a veciñanza que accede diariamente ao colexio e ao pavillón de deportes

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou, no pleno municipal celebrado o pasado 11 de setembro, a situación de risco que presenta o camiño do Lameira e a súa contorna, que dan acceso ao CEIP Sequelo e ao pavillón de deportes. As obras de saneamento, que acumulan máis dun ano de atrasos, mantéñense con buratos e un panel publicitario en mal estado, supoñendo un perigo evidente para o alumnado e a veciñanza que utiliza esta vía diariamente. Ante esta situación, o concelleiro Tino Iglesias instou ao goberno local do Partido Popular (PP) a adoptar medidas urxentes para garantir a seguridade e evitar posibles accidentes.

Iglesias, sinalou a existencia de dous buratos, presumiblemente destinados á construción de arquetas, situados fronte ás hortas urbanas e á zona de composteiros. Estes ocos representan un perigo evidente para as persoas que utilizan a vía tanto para acceder ás aulas de infantil do CEIP Sequelo como ao pavillón, polo que Iglesias solicitou ao grupo de goberno que inste á empresa construtora a realizar unha intervención inmediata para tapar e sinalizar os buratos.

Ademais, o concelleiro reclamou o arranxo ou a retirada do panel publicitario das obras de saneamento, localizado na mesma zona, ao carón dos composteiros. Segundo Iglesias, o panel atópase en mal estado, con diversas lamas soltas e colgando, o que constitúe un potencial risco en caso de vento.

O BNG denunciou reiteradamente que as obras de saneamento do río Lameira, que acumulan máis dun ano de atrasos, provocan problemas de seguridade para a veciñanza. Por iso, o partido volve instar ao goberno municipal, liderado polo PP, a garantir a seguridade dos usuarios da vía e dos veciños, evitando así posibles incidentes.

Publicacións Relacionadas