Home Pontevedra O BNG reclama ao Concello de Vigo que mobilice as 22.000 vivendas...

O BNG reclama ao Concello de Vigo que mobilice as 22.000 vivendas baleiras para alugueiros accesíbeis

0
2

Tacha de “espellismo e estafa” as políticas do Goberno de Abel Caballero, que recoñece agora que a solución inmediata pasa por poñer no mercado os miles de inmóbeis sen uso

Envía ao alcalde unha copia do informe encargado polo Concello, do que negou a súa existencia, que ratifica que cumpre os criterios para solicitar a declaración de zona tensionada

Xabier P. Igrexas: “221 días despois do seu anuncio a bombo e prato, a Empresa Municipal de Vivenda só existe en Narnia”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama ao Concello de Vigo un Plan de Acción Local destinado a mobilizar as 22.000 vivendas baleiras que existen na cidade para destinalas a alugueiros accesíbeis. A fronte nacionalista celebra que o alcalde, Abel Caballero, recoñeza agora que a solución inmediata para baixar o prezo da vivenda pasa por poñer no mercado estes inmóbeis sen uso, segundo afirmou o rexedor nunha entrevista xornalística publicada este domingo.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandou converter esas declaracións nunha “enérxica” política pública en materia de vivenda, tal e como leva anos propoñendo o BNG. Afeou que este recoñecemento do alcalde non vaia acompañada por feitos, criticando que as únicas medidas do Goberno local sexan un “espellismo e unha groseira estafa política” por anunciar e prometer pero, na práctica, non facer nada.

Igrexas volveu constatalo este martes na Xerencia de Urbanismo cando interpelou á concelleira da área, María José Caride, sobre as medidas adoptadas ou que ten previstas o Goberno municipal para mobilizar estas vivendas baleiras. “A resposta non puido ser máis decepcionante”, lamentou.

Fracaso dos anuncios de Caballero

Segundo o portavoz nacionalista, a concelleira de Urbanismo negou primeiro o alcance do problema e despois asegurou que a actuación prevista é un programa de adquisición de vivendas, pero que aínda non comprou ningunha. Cun orzamento de 2,5 millóns de euros, este programa vaise limitar a un máximo de 15 vivendas, tendo en conta o límite de 180.000 euros por piso.

Aliás, o anunciado programa de rehabilitación, polo que o Concello concede axudas coa condición de que se poñan as vivendas no mercado do alugueiro, saldouse até o momento con só un piso. “Un grande éxito da xestión de Caballero”, ironizou Igrexas.

A preguntas do BNG, a edil de Urbanismo confirmou que a anunciada Empresa Municipal de Vivenda, en xuño de 2025, aínda non ten un prazo fixado para a súa constitución formal e o inicio da súa actividade. “221 días despois do seu anuncio a bombo e prato polo alcalde, a Empresa Municipal de Vivenda só existe en Narnia”, valorou o portavoz municipal nacionalista.

Informe sobre zona tensionada

Igrexas expresou tamén a súa “fonda preocupación” diante doutra declaración de Abel Caballero, na referida entrevista xornalística, na que negou a existencia dun informe encargado polo Concello para valorar se Vigo cumpre requisitos para solicitar a declaración como zona tensionada do mercado da vivenda polo aumento dos prezos.

O portavoz municipal remitiulle “para refrescar a memoria” unha copia oficial dese estudo, elaborado pola consultora Seixas Invest e asinado o 20 de abril do pasado 2025, que ratifica na súa páxina 46 que a cidade reúne cando menos un dos criterios legais para solicitar esta medida de contención dos prezos, como xa fixeron na Coruña e Compostela.

“Caballero leva 2 anos sen mover un dedo”

Unha medida que, subliñou Igrexas, xa foi aprobada polo Pleno municipal hai 23 meses nunha moción do BNG. Lembrou que ningún dos acordos recollidos nesa iniciativa, cunha batería de propostas para enfrontar o problema da vivenda, foi executada durante este tempo. Entre elas, figuraba tamén o Plan de Acción Local para mobilizar vivendas baleiras existentes na cidade

“Abel Caballero leva case 2 anos asubiando para o teito. Case 2 anos sen mover un dedo. Case 2 anos sen tan sequera converter en realidade un acordo do Pleno ao que o PSOE non se opuxo. Como dicía un lema electoral de Caballero: falan os feitos”, censurou o portavoz municipal do Bloque.

Miles de vivendas baleiras

Segundo datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE), en Vigo hai na actualidade 21.700 baleiras. A estas se engaden outras 10.000 que teñen un uso esporádico. Sumadas representan 1 de cada 5 vivendas da cidade. “Ese é o alcance xigantesco do problema: moreas de casas sen xente, nunha cidade na que son cada vez máis as familias que non poden permitirse un alugueiro”, alertou Igrexas. Sinalou que nos últimos anos os alugueiros incrementaron un 30%, cunha oferta de apenas 400 inmóbeis dispoñíbeis, dos que o 90% teñen un prezo mensual que supera os 700 euros.