Home Pontevedra O BNG reclama avances da Xunta de Galiza para garantir o dereito...

O BNG reclama avances da Xunta de Galiza para garantir o dereito a unha morte digna

- Anuncio -

A fronte nacionalista traslada a preocupación da Asociación Dereito a Morrer Dignamente diante dos déficits de información e de recursos por parte do Goberno galego

Montse Prado: “Os galegos e galegas teñen dereito a decidir sobre o proceso final da súa vida e a Administración ten a obriga de garantirllo”

Xabier P. Igrexas: “Impedir o exercicio do dereito á morte digna é un exemplo de violencia institucional que debe acabar”, sinalou.

O Bloque Nacionalista Galego reclama avances da Xunta de Galiza para garantir o dereito a unha morte digna. A fronte nacionalista traslada así a preocupación da Asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) diante dos déficits de información e de recursos por parte do Goberno galego á hora de exercer este dereito.

Así o vén de demandar a través de iniciativas no Parlamento galego a deputada e portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, quen mantivo en Vigo unha reunión con representantes da DMD galega xunto co voceiro municipal na cidade, Xabier P. Igrexas. “A Xunta non fai ningún esforzo por estender este dereito, o que na práctica está a impedir ou dificultar o exercicio de morrer dignamente”, lamentou Prado.

A deputada nacionalista considerou necesario dar máis pasos a nivel lexislativo, malia que o principal obstáculo a día de hoxe, denunciou, ten a ver co desenvolvemento das distintas normas xa existentes. “A lei que non se cumpre é papel mollado, e con ese papel mollado estánselle negando, ou dificultando o goce de dereitos ás persoas”, afeou.

Entre outras eivas, Prado denunciou que o Sergas non está a proporcionar información sobre o testamento vital nin a profesionais nin á poboación mais alá de estar dispoñíbel na páxina web. Nese sentido, criticou que non existan materiais de carácter divulgativo, como carteis ou folletos, nos centros sanitarios.

Dende o BNG alertaron tamén da insuficiente rede de unidades habilitadas para formalizar o Documento de Instrucións Previas (DIP), con tan só 79 repartidas de forma moi desigual polo territorio galego. Por este motivo, as iniciativas nacionalistas piden aumentar o seu número de xeito que toda a poboación teña unha unidade próxima ao seu domicilio evitando ter que desprazarse quilómetros.

Prado advertiu tamén de que a Secretaría Xeral Técnica non está a tramitar as DIP no prazo máximo legal de dous meses, impoñendo na práctica o silencio administrativo, así como de atrasos de meses á hora de incorporar esta información na historia clínica de cada doente. Estes atrancos explican, a xuízo do Bloque, que Galiza estea á cola do Estado no número de persoas inscritas.

“Estes datos poñen en evidencia que a Xunta non fai ningún esforzo por estender o dereito, o que na práctica está a impedir ou dificultar o exercicio do dereito a morrer dignamente”, remachou a deputada nacionalista, reivindicando que a Administración garanta con medios suficientes que os galegos e galegas poidan decidir sobre o proceso final da súa vida.

Violencia institucional

De por parte, o portavoz municipal do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, lamentou que a “burocratización excesiva e a dilatación dos prazos” provoca que preto de unha de cada tres persoas que solicitan a eutanasia falezan antes de lle ser autorizada, segundo datos do propio Ministerio de Sanidade. “Impedir o exercicio do dereito á morte digna é un exemplo de violencia institucional que debe acabar”, sinalou.

Igrexas subliñou o feito de que desde a entrada en vigor da Lei, a área de Vigo vén representando o 25% das solicitudes de eutanasia que se rexistran en toda Galiza. Un dato que, apunta, demostra a necesidade de que o Sergas “axilice os mecanismos e garanta unha completa información para o exercicio efectivo dese dereito evitando engadir sufrimento innecesario” a pacientes e familia e atendendo a demanda das propias profesionais sanitarias de maior formación e orientación neste procedemento.

Relacionadas

Galitoon presenta este venres en Tui “Facendo o indio”

0
Será ás 19 h no Teatro Municipal. As entradas están á venda en tui.gal “Facendo o indio” é o título do espectáculo, para público familiar,...

Tui lembra a figura de Manuel Lago González, o arcebispo poeta

0
Un acto da Real Academia Galega e un ciclo de actividades centran esta homenaxe O vindeiro martes, 18 de marzo, cúmprese o centenario do falecemento...

12.000€ en premios e alta participación no Entroido do concello de Ponteareas

0
O Concello de Ponteareas fai un balance positivo do Entroido 2025 con rúas e prazas ateigadas de veciñas e veciños, un bo número de...

Redondela agarda que a Xunta recupera a Fundación Illa de San Simón

0
- O Concello solicitou hai cinco meses unha reunión co conselleiro de Cultura para tratar a situación da illa de San Simón. Ante o...

Luis López asiste ao acto de reacreditación do Hospital do Salnés como centro IHAN...

0
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asistiu este mércores en Vilagarcía ao acto de reacreditación do Hospital do Salnés como centro IHAN,...

O Concello de Ponteareas lanza a segunda das residencias de Artistea que traballará as...

0
Dende hoxe mércores día 5 de marzo e ata o vindeiro luns día 10 de marzo estará aberto o prazo para presentar solicitudes O Concello...

Publicacións Relacionadas