Reitera a demanda de que se informe de todos os gastos directos e indirectos, entre eles a recepción do monarca na casa consistorial, que non foi informada ao resto de grupos
Critica o “silencio” do Goberno local ante as peticións na Comisión Informativa e no Pleno
Xabier P. Igrexas: “A cidadanía de Vigo ten todo o dereito a coñecer a factura do desfile de tanques, soldados e armamento pesado polas nosas rúas”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama que se faga pública a factura do desfile das forzas armadas para o Concello de Vigo. A fronte nacionalista reitera a demanda de que se lle informe de todos os gastos do evento, tanto directos como indirectos, ante a “opacidade” do Goberno de Abel Caballero.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, insistiu en que a “cidadanía viguesa ten dereito” a coñecer os custos en materia de seguridade, limpeza, mobilidade, persoal, adecuación de espazos públicos, cesión de instalacións e outros recursos municipais mobilizados. Entre eles, o que cualificou como “fastuosa” recepción do monarca e da súa herdeira na casa consistorial, da que denunciou non foron informados o resto de grupos.
Igrexas reprochou o “silencio oficial” do Goberno municipal diante das peticións realizadas polo Bloque na última Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda e tamén no propio Pleno. “Un intento descarado de Caballero de evitar que as viguesas e vigueses saiban canto lle custou á cidade ser sede dese innecesario acto de exaltación militarista e españolista”, denunciou.
Accións legais
Ante esta falla de resposta, desde a fronte nacionalista anunciaron que van activar o artigo 9 do Regulamento Orgánico do Pleno que obriga ao Goberno a facilitar toda a información, datos e antecedentes que obren nos servizos municipais nun prazo de 5 días naturais. Advertiu de que, en caso de que incumpra esta obriga legal vulnerando os dereitos fundamentais dos edís da oposición como en anteriores ocasións, o BNG acudirá á Valedora do Pobo e á Comisión de Transparencia de Galiza, e se reserva o exercicio de todas as accións legais necesarias.
“A cidadanía de Vigo ten todo o dereito a coñecer a factura do desfile de tanques, soldados e armamento pesado polas nosas rúas”, defendeu o portavoz municipal do Bloque, comparando estes gastos coa redución á metade das axudas sociais nos últimos seis anos; co Plan de Emprego Municipal que supón menos dun terzo do que se gasta en luces e adornos de Nadal malia a destrución de 6.000 postos de traballo desde o ano 2009; ou cos cero euros destinados para garantir o acceso social á vivenda.

